Saturday 16 de November de 2024

O Concello actualiza o seu mapa luminoso para acadar unha iluminación máis sostible e segura


O obxectivo do Goberno de Inés Rey é renovar a iluminación pública da cidade nos próximos tres anos cunha axuda europea de 12,6 millóns de euros, despois de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica ratificará o proxecto presentado polo executivo local.

No marco da Semana Europea da Mobilidade, o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Díaz Villioslada, presentou esta maná unha actualización do mapa luminoso da cidade, que inclúe toda a rede de iluminación coas súas características, co fin de acadar unha iluminación máis sostible e segura, reducir os niveis de contaminación e consumo enerxético. “O noso obxectivo é iluminar ben, garantir a seguridade, aforrar na factura e reducir a contaminación luminosa”, dixo.

Villoslada lembrou que o obxectivo do Goberno de Inés Rey é renovar a iluminación pública da cidade nos próximos tres anos cunha axuda europea de 12,6 millóns de euros, (IDAE) despois de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ratificara o proxecto presentado polo Executivo local para mellorar a eficiencia da cidade. Unha cifra que que o Concello completará con 3,1 millóns de euros, até acadar a contía total de 15,7 millóns de euros.

O concelleiro explicou que o mapa é unha ferramenta GIS apoiada nun motor de cálculo luminotécnico, que ten cargada toda a rede da cidade e permítenos estudar e simular o comportamento da rede de iluminación: unha especie de modelo dixital.

Unha ferramenta que permite a monitorización con datos reais das necesidades de iluminación de toda a cidade e incluso analizalos tendo en conta o tipo de vías e tipos de velocidades nas vías, o que permite coñecer os niveis de sobreiluminación, e infrailuminación das vías da cidade e modular o tipo de iluminación.

“É por tanto unha ferramenta nova, única no noso país, na que se leva traballando varios anos e que xa está finalizada. Actualizala e explotala é un reto para o servizo de iluminación, xa que permite analizar a iluminación da cidade e optimizar solucións técnicas para a súa modernización, calculando as mellores solucións luminosas enerxéticas e ambientais”, sinalou Villoslada, que engadiu que o mapa permitirá
conxugar as necesidades de iluminación da cidade, coas necesidades de seguridade e reducir os niveis de consumo enerxético de electricidade e de contaminación. O cambio nas clases de iluminación nas vías da cidade derivará nun aforro enerxético importante e unha mellora da calidade ambiental.

Neste senso, o concelleiro resaltou que o obxectivo é ter un nivel de iluminación “con confort e con seguridade”, e lembrou que durante a pandemia realizáronse diversos axustes na iluminación de determinadas zonas que non se estaban utilizando, o que permitiu ter unha rede máis eficiente e aforrar enerxía: “Non se trata de ir apagando todas as luces, senón ir tendo a iluminación que se necesita en cada zona da cidade e haberá zonas que poidan estar infrailuminadas e outras sobreiluminadas”, apuntou.

Canto as queixas por falta de seguridade en certas vías, o concelleiro dixo que é necesario ter en conta todos os puntos de vista “pero máis luz non significa necesariamente máis seguridade, senón que é necesaria unha mellor iluminación”.