— Conde defende a necesidade de que o Goberno actúe desde o sentido común e con equidade, exercendo unha cogobernanza real e favorecendo a participación de Galicia nos Pertes aprobados
— O conselleiro do Medio Rural, José González, destaca as posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria para poñer en valor ata 500.000 hectáreas abandonadas en Galicia mediante figuras como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, resaltou hoxe o papel que desempeña o tecido empresarial galego á hora de identificar, xunto coa Administración autonómica, retos e oportunidades no marco dos fondos europeos. Así o manifestou durante a súa intervención no Congreso Next Generation Galicia, organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Ourense.
Conde destacou que a Xunta está tratando en todo momento de establecer amplos espazos de cooperación a todos os niveis para identificar necesidades e oportunidades, aliñar obxectivos e dar así resposta aos grandes desafíos que trae consigo a economía poscovid vinculados á dobre transformación dixital e ecolóxica. A colaboración público-privada, abondou, é o que vai permitir executar de forma eficiente os fondos europeos de recuperación e mobilizar investimentos produtivos.
Nesta liña, asegurou que Galicia leva tempo preparada para aproveitar esta oportunidade logo de deseñar xunto co tecido produtivo unha candidatura sólida e solvente coa que optar a estas axudas; unha candidatura baseada no binomio dixitalización e sustentabilidade e na colaboración público-privada para implicar o groso do tecido económico galego que son as pemes. Por calidade e por capacidade para xerar oportunidades, Galicia está en disposición de competir por estes fondos, dixo Conde, quen, non obstante, defendeu a necesidade de que o Goberno actúe desde o sentido común e con equidade, exercendo unha cogobernanza real na xestión dos fondos para dar maior participación ás comunidades autónomas.
O vicepresidente económico lamentou que non se está cumprindo co compromiso de destinar o 50 por cento dos fondos ás autonomías e, no ámbito da política industrial, o Goberno está a xestionar directamente a totalidade do orzamento así como o deseño e a aprobación dos Pertes, nos que Galicia e os seus sectores estratéxicos queren participar. Por iso pediu sensibilidade e unha mellor planificación e coordinación coas comunidades autónomas, para que os fondos sexan unha verdadeira oportunidade para a reactivación industrial e a modernización da economía.
Poñer en valor o rural
Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, referiuse ao potencial e ás múltiples posibilidades investidoras e dinamizadoras que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para poñer en valor as 500.000 hectáreas que se calcula que están abandonadas ou en estado de infrautilización na nosa comunidade. Nesa liña, animou aos asistentes a apostar polo emprendemento no rural, para convertelo nun espazo multifuncional, produtivo, dixitalizado, circular e rendible tanto económica como socialmente.
Na súa intervención, o titular de Medio Rural incidiu na seguridade xurídica que avala a recuperación de terras mediante as figuras que recolle a Lei, nomeadamente os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as agrupacións de xestión conxunta. Nese senso, fixo especial fincapé nas oportunidades que ofrecen os polígonos para crear actividade económica no eido forestal, no agrícola ou no gandeiro, dado que levan aparellada a mobilización de grandes superficies de terreo.
Así, recalcou que o Banco de Terras sempre exercerá de intermediario para casar a demanda coa oferta co mínimo esforzo para o investidor. Deste xeito, será a Administración a que investigue, identifique e solucione os problemas de estrutura da propiedade, ademais de contactar cos titulares das terras e fixar prezos mínimos para a compra ou arrendamento das súas parcelas. O conselleiro concluíu que desde Medio Rural se está facendo un inxente traballo para que os primeiros polígonos se poidan comezar a executar no primeiro cuadrimestre do ano que vén.