A alcaldesa, Inés Rey, e o xerente de Turismo de Sevilla, Antonio Jiménez, asinaron un convenio de colaboración para publicitar as dúas cidades e aumentar a afluencia de visitantes
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o xerente de Turismo de Sevilla, Antonio Jiménez, asinaron un convenio marco co fin de dar un paso máis na colaboración entre ambas as cidades para se promocionar e acadar así mellores resultados de posicionamento turístico. Os principais obxectivos deste acordo son o desenvolvemento de accións que contribúan a optimizar a marca e imaxe dos destinos combinados. Ademais, a colaboración selada esta mañá entre Congresos e Turismo de Sevilla (Contursa) e o Consorcio de Turismo da Coruña incluirá o fomento de actuacións entre Sevilla e A Coruña. O Goberno local pretende así potenciar a afluencia de novos turistas en beneficio das industrias do sector das
dúas cidades.
Ambas as entidades comprométense a través deste acordo a traballar nunha vía estable de colaboración que lles permita intercambiar soportes publicitarios e apoiarse tecnicamente canto a accións promocionais que cada un dos destinos realiza noutro municipio.
Outra liña de actuación será a organización de actividades conxuntas tanto para o público final como para axentes intermediarios en terceiros mercados estratéxicos, desde prestacións a visitas comerciais, seminarios de formación ou accións de comunicación e mercadotecnia dixital.
Por outra banda, establécese un protocolo conxunto de intercambio promocional turístico que lles permitirá articular o ano que vén FAM e Press Trips en ambas capitais, polo que se levarán a cabo viaxes de familiarización para operadores turísticos e axencias de viaxe no primeiro dos casos e dirixidos a medios de comunicación na segunda tipoloxía. Deste xeito, as e os profesionais vivirán a súa experiencia en primeira persoa á vez que se dan a coñecer os voos que enlazan ambas as cidades tanto turística como comercialmente.
En concreto, a alcaldesa acordou co presidente da Asociación de Axentes de Viaxes de Sevilla, Jose Manuel Lastra, realizar promocións conxuntas na Coruña entre a rede de axentes que forman parte de dito colectivo.
Por último, os dous organismos públicos apostarán pola sostibilidade social, económica e medioambiental en todas e cada unha das accións previstas e crearán unha comisión de seguimento para aunar esforzos e coordinar o desenvolvemento das accións conxuntas.