Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame inviste máis de 18.000 euros na prolongación da senda peonil e da rede de sumidoiros no lugar de Marracín


O Concello de Lousame está a investir 18.367,5 euros na prolongación da senda peonil e a rede de sumidoiros no lugar de Marracín. Unhas obras adxudicadas á empresa Pavimentos Noia, Obras e Contratas SL e que están financiadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “o obxectivo destes traballos é solucionar os problemas de estancamento de augas de escorrenta que se produce nesta zona a través da creación dunha rede de sumidoiros que conduza as augas pluviais cara o regato existente. A maiores, aproveitamos tamén para ampliar a senda peonil existente en Marracín”.

As obras deron comezo estes días coa instalación dos 195 metros de tubaxe e a colocación de sete arquetas sumidoiro para a condución das augas pluviais. Posteriormente procederase a repoñer o firme da senda existente e á ampliación da mesma en 60 metros. Unha nova senda que terá unha anchura media de 2,35 metros e un bordo de formigón prefabricado, mantendo a mesma estética do resto. As obras estarán rematadas na primeira quincena de outubro.