Monday 25 de November de 2024

Un semáforo restaurado coas cores da bandeira LGTBI, novo símbolo para visibilizar os dereitos do colectivo


O concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, e a edil de Benestar Social, Yoya Neira, recibiron na Estación de Autobuses os escolares que participan nas marchas pola rolda peonil co gallo da Semana Europea da Mobilidade

Villoslada presentou esta mañá oito novos vehículos eléctricos cero emisións que pasarán a formar parta da frota móbil do Concello

O concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, e a edil de Benestar Social, Yoya Neira, recibiron na Estación de Autobuses un grupo de escolares do CEIP Anxo da Garda que participan nas marchas pola rolda peonil con motivo da Semana Europea da Mobilidade. Na estación tiveron a oportunidade de ver o semáforo pintado coas cores LGTBI que a Concellaría de Mobilidade restaurou co obxectivo de visibilizar o colectivo e os seus dereitos. Neste senso, o Goberno local que dirixe Inés Rey está a utilizar estas cores no mobiliario urbano como unha maneira simbólica de mostrarlle o seu apoio ao colectivo.

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, que acompañou os escolares na visita, destacou a iniciativa, e confía en que “sexa a primeira actuación de moitas máis”. Neira destacou a importancia dos símbolos “nun momento en que a comunidade LGTBI está sendo maltratada por parte de sectores moi reaccionarios, pero que están aí”. A cativada, dixo, é o presente e o futuro: “As nenas e os nenos educan as súas nais e pais na igualdade e no respecto”, resaltou.

Villoslada tamén fixo fincapé na importancia da educación para acadar unha mobilidade máis segura e sostible. “Concienciar á rapazada é unha maneira de concienciar ao resto da sociedade”, dixo o edil, e engadiu que co percorrido as nenas en nenos coñecen de primeira man as distintas actuacións que se levan a cabo para recuperar espazos urbanos para as persoas, así como para mellorar as contornas dos centros educativos e facelas máis seguras con novas peonalizacións

Doutra banda, o concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, presentou esta mañá oito novos vehículos eléctricos que pasarán a formar parta da frota móbil do Concello co obxectivo de reducir as emisións de carbono. Estes vehículos libres de emisións súmanse aos oito que utilizan os técnicos de Infraestruturas nos seus desprazamentos ás distintas obras da cidade. A presentación enmárcase no
programa da Semana de Mobilidade, que está a desenvolver o Concello co fin de promover a mobilidade sostible, saudable e segura.

Villoslada destacou a importancia de que o Concello “sexa un exemplo a seguir polo resto da cidade”, e anunciou a intención do Goberno de dispor o vindeiro ano de máis vehículos e instalar máis redes de recarga pública de coches eléctricos. Ademais da nova frota de coches eléctricos, o Concello tamén instalou na estación unha rede de recarga rápida; unha iniciativa que forma parte do compromiso do Goberno co coidado do medio ambiente.