O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da comisión CIVEX do Comité das Rexións (CdR) da UE
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na capital comunitaria na reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do novo mandato do Comité das Rexións (CdR). A axenda da sesión estivo centrada no debate do programa de traballo de CIVEX para 2015 e na axenda internacional actual.
O programa de traballo desta comisión do CdR para 2015 estará marcado por temas como a migración, a política de vecindade, a seguridade, a subsidiariedade e o futuro de Europa. Tendo en conta que 2015 é o Ano Europeo do Desenvolvemento, a CIVEX centrará tamén o seu traballo en contribuír á participación dos entes locais e rexionais na cooperación ao desenvolvemento por parte da UE. As prioridades de CIVEX estarán moi marcadas polos obxectivos do desenvolvemento para 2015 e a loita contra a pobreza. Esta comisión do CdR traballará para promover a influencia dos entes locais e rexionais no enfoque común da UE para alcanzar estes obxectivos mundiais de desenvolvemento sostible.
Durante a sesión tamén se debateron tres ditames. O primeiro deles enmárcase no ámbito de cooperación coa ONU en referencia á axenda mundial post 2015 para loitar contra a pobreza e garantir un futuro sostible. Neste sentido, debateuse o papel da UE neste proceso da ONU de elaborar un novo programa de reformas que una o impulso da sostenibilidade e a loita contra a pobreza para facer fronte aos desafíos mundiais. A este respecto a Comisión Europea publicou a comunicación “Unha vida digna para todos: da visión á acción colectiva” que o CdR apoia pero na que pide que se teñan en conta aos entes locais e rexionais á hora de implantar este novo programa.
Neste sentido, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, salientou que “unha política de cooperación ao desenvolvemento máis eficaz, que exprese a coordinación entre os diferentes niveis de goberno, é esencial para mellorar o impacto nos beneficiarios. Son moitos os graves problemas na axenda europea, como a cuestión da inmigración ou o incremento do extremismo, para os que unha política axeitada de cooperación é indispensable”.
Gamallo lembrou tamén que Galicia é das poucas rexións europeas que capta fondos para proxectos de cooperación ao desenvolvemento que se levan a cabo en países como Mozambique, Nicaragua ou Guinea Bissau.
O segundo ditame céntrase na promoción do comercio xusto. Dado que 2015 é o Ano Europeo para o Desenvolvemento, os membros destacaron a complementariedade entre as políticas de comercio e de desenvolvemento e apostaron polo impulso dunha estratexia europea de comercio xusto. Entre as recomendacións que fai CIVEX encóntrase a de incluír de maneira práctica na contratación pública criterios sociais e éticos.
Os representantes dos entes locais e rexionais tamén debateron un ditame referido á estratexia de ampliación da UE. Neste ámbito o CdR apoia á Comisión na necesidade dun período de consolidación polo que deben pasar os países candidatos como fase de preparación e adopción das políticas necesarias antes da adhesión e avoga por unha maior participación da sociedade civil e dos entes locais e rexionais dos países candidatos neste proceso. Os membros da CIVEX valoraron tamén nesta xuntanza o estado específico das negociacións con cada un dos países actualmente candidatos á ampliación entre os que se atopan Turquía e as repúblicas ex-iugoslavas.
A situación de Ucraína
Na xuntanza, os membros de CIVEX tamén participaron nun debate sobre a situación de Ucraína. Neste coloquio no que interviñeron diversas personalidades do país, discutiuse o apoio ao proceso de descentralización en Ucraína e as necesidades dos entes locais e rexionais do país.
A comisión CIVEX do Comité das Rexións
O Comité das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
Neste mandato, Galicia participa nas comisións NAT e CIVEX do CdR. A comisión CIVEX encárgase de temas como o espazo de liberdade e xustiza, cidadanía activa, asuntos constitucionais ou a política de inmigración e relacións exteriores. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi reelixido como portavoz na comisión CIVEX para este novo mandato do CdR , que rematará en 2020.