Friday 22 de November de 2024

Infraestruturas inicia unha obra de urxencia no cruzamento entre a avenida de Arteixo e a Rolda de Nelle


Inés Rey deu a orde de iniciar a actuación canto antes co fin de garantir a seguridade

Mañá martes procederase ao corte do tráfico nos tres ramais da avenida de Arteixo na intersección coa Rolda de Nelle

O persoal técnico de Infraestruturas detectou problemas estruturais nos muros de contención do paso inferior da avenida de Arteixo, no cruzamento coa rolda de Nelle. Mañá, martes 21 de setembro, comezará o traballo de consolidación dos muros, unha actuación que obrigará a cortar os ramais que conectan a avenida de Arteixo coa rolda de Nelle. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, deu a orde de iniciar canto antes a actuación tras coñecer os informes do persoal técnico de Infraestruturas, xa que o obxectivo é garantir a seguridade neste punto da rede viaria da cidade, unha das arterias principais de tráfico da cidade.

O persoal técnico municipal puxo en marcha hai meses un proceso de monitorización dos muros do paso inferior e tras analizar os datos encargou un informe estrutural que apunta a necesidade de intervir de urxencia na infraestrutura viaria.

Mañá martes procederase ao corte do tráfico nos tres ramais da avenida de Arteixo no cruzamento coa rolda de Nelle e manterase en servizo o carril dereito do ramal de conexión da avenida de Arteixo – rolda de Nelle no sentido de entrada da cidade.

Mobilidade está facendo un estudo pormenorizado dos datos de tráfico na zona de cara a tomar a mellor decisión en materia de mobilidade para iniciar con carácter urxente a obra que podería empezar xa a finais deste mes de setembro