Thursday 21 de November de 2024

San Sadurniño pechou o verán con volei, poesía, xeoloxía e música


Esta fin de semana, a derradeira do verán 2021, veu cargada en San Sadurniño de propostas ben interesantes, ademais de distintas. E é que o Concello organizou catro citas relacionadas co deporte, a creación literaria -e o feminismo-, o xeoturismo e a música que lle puxeron o ramo a unha programación estival coa que pouco a pouco se quixo ir recuperando certa normalidade. Así, o sábado disputouse no pavillón o XIX Trofeo de volei Concello de San Sadurniño, tamén se celebrou o V Recital de Poesía en feminino coa presentación dun poemario que recolle todas as pezas das catro edicións anteriores e, o domingo, a actividade estivo centrada no percorrido xeolóxico polo val do Castro e a zona máis elevada do Forgoselo, rematando coa actuación da Xove Banda de Narón na “función” do Biscordel.

Seguindo a orde cronolóxica comezamos polo volei. O Aldebarán-Intasa estreou a cancha recentemente renovada xogando un cadrangular co Dumbría, o Textil Santanderina e o Vigo Voleibol. Unha cita xa tradicional que a formación local afrontou como preparación dos retos que agardan na Superliga masculina, a máxima categoría do volei estatal.

Os de aquí xogaron a primeira hora da mañá un encontro contra o Vigo -dirixido polo ex-azul Parga- que se saldou con victoria do Aldebarán e o pase directo á final que se xogaría á tardiña. O segundo finalista decidiuse no partido entre o Dumbría e o Textil Santanderina, equipo SM2 pero con potencial suficiente para estar na máxima división, tal e como quedou demostrado na obtención da segunda praza da final.

Nese último partido, o equipo visitante venceu por un contundente 0-3. Porén, malia a derrota, o novo Aldebarán da Superliga deixoulle bo sabor de boca á afección, tendo en conta que levan adestrando escasos días e cunha chea de incorporacións novas que ou ben non chegaron a tempo para o trofeo ou ben non entraron na aliñación. Foi o caso do oposto brasileiro Leozao -2,08- que vestiu a camisola pero non entrou na pista, xa que chegara a San Sadurniño unhas horas antes, despois de case 30 horas de viaxe. Tampouco estivo o olímpico venezolana José Verdí, outro dos puntais do proxecto azul-laranxa, cores das dúas equipacións estreadas tamén o sábado.

O trofeo foi un primeiro test da maquinaria, composta por pezas fantásticas que só precisan pequenos axustes e tempo de rodaxe para funcionar á perfección. Faltan aínda dúas semanas para que arranque a liga. Un prazo ben xustiño pero suficiente para que Calafell o poña todo a punto, co obxectivo de deixar ben claro que o Aldebarán-Intasa 2021-22 chegou á máxima categoría do volei estatal para quedar.

Poesía en feminino no Concello
Mentres se xogaba no pavillón o 3º e 4º posto do trofeo municipal, a Casa do Concello acollía o inicio do V Recital de Poesía en feminino, que tamén se consolidou como unha cita clásica de finais do verán ou inicios do outono en San Sadurniño e como unha referenza obrigada da creación poética galega en clave feminista e de apoderamento da muller en todos os ámbitos.

Este ano, por causa da pandemia, volveuse optar por un formato reducido, con inscrición previa, uso da máscara e distanciamento persoal, aínda que dándolle cabida a algunhas persoas máis que en 2020. Tamén variou o formato cedéndolle maior protagonismo ás creadoras locais, que repasaron os poemas escritos para anteriores convocatorias. Foron Alba Rivera, Marián Arroyo, Xela Barro, Alba Rivera, Teresa Pouso, Carmen Couce e Matilde Castro, a quen se sumou María Xosé Lamas, a única que achegou pezas a todos os recitais, ademais de asinar a primeira das poesías agora recollidas no volume “Poesía en Feminino. Mulleres do rural” editado polo Concello con cargo a unha axuda do Ministerio de Igualdade en aplicación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A Concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo, conduciu un acto sinxelo que tamén contou coa intervención de María Muíño como responsable provincial de Igualdade, quen falou da mostra “Nós somos elas” que pode visitarse ata finais de mes nos xardíns municipais e que coincide tematicamente co propio recital, por achegarnos “miradas de muller” a través das imaxes de grande formato acompañadas dos versos de 25 poetas galegas actuais.

Pola súa banda, Ana Belén Breixo sinalou que o proxecto do encontro poético nacido en 2017 é unha maneira “axudar ao apoderamento das mulleres, e sobre todo das nosas mulleres de San Sadurniño” e referiuse ao libro presentado como “un fillo” concibido “para que as verbas non quedasen só no aire e as poidamos ler nun recuncho das nosas casas, xardíns, debaixo dun castiñeiro… e así reflexionar con cada un destes poemas”.

Breixo tamén agradeceu o apoio desde o primeiro momento do colectivo da Nova Poesía Guitirica e, nomeadamente, o de Antón Tenreiro -Antón de Guizán-, tamén presente no evento e encargado de emitilo ao vivo a través da páxina en Facebook “Os Vilares, lareira de soños”, casa común do colectivo poético chairego.

A rolda de intervencións pechouna a escritora Emma Pedreira -prologuista da obra- recalcando a importancia tanto do libro como do proxecto poético e felicitando ao Concello pola iniciativa, como “Administración que se ispe de ser máquina e, sensibilizada, escoita, e non só permite, senón que acompaña e apoia os pasos para facerse visible e audible a voz poética do seu pobo”.

O V Recital de Poesía en Feminino de San Sadurniño rematou como empezou: coa música da novísima clarinetista Candela Salgado, quen foi alternando durante todo o encontro unha escolma de pezas clásicas abreviadas para a ocasión.

E o domingo, ruta xeolóxica e música
As propostas de lecer da fin de semana remataron o domingo. Entre as 10 e as 14:00h unha vintena de participantes fixeron a Xeorruta das Pías na compaña de Fran Canosa, quen lles descubriu moitas curiosidades xeolóxicas da zona sur do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, que vén coincidindo coa beira norte do Forgoselo.

Entre elas viron como se forman por erosión as pías á beira do río Castro e como xorden os bolos que despois aparecen na paisaxe como grandes moles rochosas, ás veces unhas dacabalo doutras -de feito chámaselles pedras cabaleiras-, ademais doutros fenómenos como por exemplo as mineralizacións de andalucita que se observan nas áreas en que conflúen paisaxes graníticas coas formadas por outros materiais, como ocorre en Riolimpo. Este material aparece incrustado noutras rochas, ás veces coa forma dunha cruz (quiastolita). De aí que tamén se coñeza como “cruz de Santiago” e que durante séculos fose tallada como amuleto para as peregrinacións a compostela.

Ademais, no alto de Racamonde a expedición xeoturística tamén observou outro tipo de pías -buratos que se forman nos penedos con distintos tamaños, formas e profundidades-, producidas pola acción química da auga ao disolver o feldespato, o compoñente do granito menos resistente á meteorización. Mesmo houbo unha parada na Pena dos Freixós, que semella un prato cheo de filloas recén feitas. Esa feitura débese, segundo Fran Canosa, ao enfriamento do bloque do Forgoselo -hai 300 millóns de anos- e á acción erosiva da auga.

A Xeorruta das Pías finalizou a iso das 14:00h. e con ela o programa de itinerarios xeolóxicos estivais organizados polo Concello de San Sadurniño no marco das accións do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Xusto cando remataba a ruta comezaba en Igrexafeita a actuación da Xove Banda de Narón con motivo da patroa da parroquia, a Virxe do Biscordel. Neste caso tamén supuña a finalización dun programa municipal que levou música a todas as celebracións patronais de San Sadurniño, aínda que non houbese festa propiamente dita, co obxectivo de que a pandemia non impedise manter a tradición.