A Pobra do Caramiñal celebra dende o 17 ao 20 de setembro a festividade do Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2000. Na xornada deste domingo 19 desenvolvéronse tres misas na praza Alcalde Segundo Durán: ás 11.15, 12.15 e 13.15 horas. Para tal ocasión, despregouse un amplo dispositivo de seguridade e organizativo.
Centos de persoas achegáronse ata a dita praza, na cal o acceso estivo controlado mediante entrada con código QR. Así mesmo, púidose seguir o oficio das 13.15 horas en directo por Canal Barbanza e en streaming pola canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal, onde permanecerá gardado o vídeo para quen desexe visionalo posteriormente. Oficiada polo arzobispo de Santiago, Julián Barrio, e polo párroco da igrexa de Santiago do Deán, José Soneira, a esta última misa asistiron diversas autoridades coma o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, membros do goberno local e concelleiros e concelleiras da corporación municipal, entre outras.