Este xoves celebrarase un acto para dar a coñecer as primeiras aplicacións móbiles para uso cidadán
Os tenentes de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas e de Facenda e Administración Pública, Martín Fernández Prado e Rosa Galego, respectivamente, anunciaron o inicio dunha nova fase dentro de Coruña Smart City coa presentación dos primeiros proxectos piloto. O lanzamento á sociedade realizarase este xoves, 26 de febreiro, nun acto de presentación no centro sociocultural Ágora, no que se darán a coñecer xa as aplicacións e funcionalidades que, dende ese mesmo día, estarán dispoñibles para uso cidadán.
“Traballamos durante dous anos para ter todas as ferramentas listas para converter
A Coruña nunha cidade intelixente; agora queremos que os coruñeses se vaian familiarizando coas novas funcionalidades”, destacou Fernández Prado. O concelleiro recalcou que o que se presentará este xoves é só unha pequena parte de todas as ferramentas que ofrecerá aos cidadáns Coruña Smart City ao longo das próximas semanas.
Trátase só da punta do iceberg. Dende o xoves sairemos á rúa para ir presentando, progresivamente, as resultados e funcionalidades dos diferentes pilotos”, asegurou Fernández Prado. Para que os coruñeses non se perdan ningunha novidade sobre Coruña Smart City, realizaranse accións de comunicación na rúa. As actividades para tratar de involucrar os coruñeses no proxecto completaranse coa apertura dun showroom,
un espazo no que se explicará o funcionamento e os beneficios dos 14 proxectos, así como o novo modelo de cidade que se impulsou a través de Coruña Smart City.
“O obxectivo é lograr unha cidade máis participativa e informada”, sinalou.
O tenente de alcalde asegurou que os coruñeses xa comezaron a palpar a tecnoloxía desenvolvida dentro do proxecto Coruña Smart City. Como exemplo, destacou a instalación dos máis de 1.000 contadores Smart que forman parte do piloto de telexestión de contadores. Os aparatos están repartidos por diferentes vivendas e locais da cidade e xa están a enviar datos á plataforma tecnolóxica. Os beneficiados deste proxecto piloto pronto terán acceso, de forma privada, a unha aplicación móbil na que poderán consultar directamente os seus consumos de auga.
As actividades para dar a coñecer o proxecto súmanse a outras accións de comunicación realizadas durante os últimos meses, como o lanzamento das Historias Smart, a carpa do Obelisco ou a web da Cabalgata Smart. Estas súmanse a outras accións máis enfocadas a posicionar o modelo de Coruña Smart City a nivel internacional, como a participación do Concello, da man das empresas implicadas no proxecto, na pasada feira de smart cities de Barcelona -Smart City Expo World Congress 2014-.
O proxecto Coruña Smart City, iniciativa do Concello da Coruña e Emalcsa como solicitante, conseguiu, coa súa novidosa proposta, un cofinanciamento dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases,
a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e puxo en marcha da plataforma tecnolóxica, á que se chama o cerebro da cidade.
Dende a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mellor iniciativa dunha administración por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Lintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español; ou máis recentemente, Mención de Honra á mellor Compra Pública Innovadora 2014 por parte da Comisión Europea que recoñece os procesos de contratación e compra de servizos e produtos máis innovadores de Europa.