― A iniciativa ten previsto comezar o vindeiro sábado 25 de setembro, cun total de 42 horas lectivas distribuídas en cinco xornadas
― Vén dar continuidade á realizada o ano pasado no propio CFEA sobre técnicas de cultivo, aproveitamento e traballo de especies cesteables, que mesmo supuxo a plantación de ditas especies para proceder agora á súa recolección e manexo
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana que vén no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude un curso sobre o cultivo e o manexo do vimbio e doutras especies adecuadas para a cestería. A iniciativa ten previsto desenvolverse entre o 25 de setembro e o 20 de novembro, en cinco xornadas cun total de 42 horas de formación teórica e práctica.
Cómpre sinalar que esta acción vén suceder á realizada o ano pasado no propio CFEA sobre técnicas de cultivo, aproveitamento e traballo de especies cesteables, de cara a recuperar a actividade da cestaría no rural galego, tanto no referido á realización de pezas con diferentes técnicas como no relacionado co cultivo da materia prima. Desta volta, búscase transmitir novas formas de traballar e novas especies axeitadas para a cestería, ademais de realizar a recolección do material vexetal cultivado nas instalacións de Boqueixón durante o curso de 2020.
Así, o primeiro e principal obxectivo é continuar a difundir a cestería como actividade dinamizadora do rural galego, diversificando e aportando valor engadido ás producións das diferentes explotacións. Nesa liña, daranse a coñecer cuestións como o efecto das fases lunares no cultivo das especies empregadas, novos xeitos de tratamento de dito material vexetal para o seu uso posterior como o secado, o pelado ou o fervido, ademais de técnicas de traballo para a cestería de palla ou colmo.
Cómpre apuntar que estas accións están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico cfea.sergude@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 867 325 / 881 867 326.