Saturday 16 de November de 2024

A Xunta informa aos entes territoriais sobre os Plans de Sustentabilidade Turística cos que Galicia Optará aos Fondos Europeos Extraordinarios


— A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo hoxe unha reunión informativa cos representantes de distintas asociacións e organizacións locais e supramunicipais

— Supoñen unha importante oportunidade para seguir avanzando na reactivación do sector en Galicia nos próximos años

— Neste foro, informouse tamén das xestións realizadas por Turismo de Galicia co Goberno central e expúxose o borrador do plan territorial desta convocatoria

A Xunta de Galicia organizou hoxe un foro informativo para dar a coñecer os plans de sustentabilidade turística cos que Galicia optará á convocatoria extraordinaria de fondos europeos e que supoñen unha oportunidade para a reactivación do sector na Comunidade autónoma.

Neste encontro participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Cluster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, así como representantes das administracións locais e supramunicipais, colectivos sectoriais e entidades do sector turístico, que puideron coñecer os detalles sobre as convocatorias abertas actualmente: o Plan Nacional Xacobeo e o Plan Extraordinario relacionado co litoral.

Na reunión, por parte de Turismo de Galicia, tamén participaron a directora de Competitividade de Turismo de Galicia, María Baleato; e a xefa da área de Calidade e Proxectos Europeos de Turismo de Galicia, Laura González-Dopeso.

Na súa intervención, Nava Castro, informou ademais sobre as xestións realizadas por Turismo de Galicia co Goberno central a través da Secretaría de Estado de Turismo, (SETUR), así como das reunións que se mantiveron nos últimos meses coas asociacións e entidades locais supramunicipais galegas relacionadas coa xestión e a promoción do turismo.

Ademais, neste foro deuse tamén resposta en directo a todas as consultas que realizaron os participantes e informouse sobre as próximas convocatorias que se abrirán con fondos Next Generation.

O Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino de Galicia para a primeira convocatoria extraordinaria de fondos europeos supón unha oportunidade excepcional para a reactivación, impulso, modernización e mellora da competitividade do sector do turismo na Comunidade galega.

Galicia presentará un Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino atendendo a unha prioridade de actuación cada ano: litoral, no ano 2021; enogastronomía, no 2022; e vilas termais e cascos históricos, para o 2023. Estes plans constituirán a folla de ruta para o deseño das Actuacións de Cohesión entre Destinos (ACD) e dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Galicia.
Durante o foro presentáronse tamén as propostas de actuacións de cohesión nas que está a traballar a Xunta no marco do Plan Nacional Xacobeo para o que se contempla un Plan de Sustentabilidade Turística en Destino orientado a facer de Galicia un destino cicloturista, un proxecto para a revalorización da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla (Ruta Traslatio) e o desenvolvemento do Plan Director dos Camiños de Santiago en Galicia para o período 2021-2027, con actuacións de melloras nos albergues e ampliación da rede pública, creación de puntos de información, deseño de mobiliario, conservación dos Camiños ou atención ao peregrino.
Proceso participativo

Para garantir un proceso participativo, desde a Xunta de Galicia establecéronse diferentes canles para a información e divulgación da Estratexia de Sustentabilidade Turística en Destino e para a recepción de aportacións por parte de empresas do sector, entidades públicas, fundacións, asociacións, entidades locais e outros organismos.

Así, nos últimos meses desenvolvéronse reunións, en modalidade virtual e presencial, nas que se facilitou información sobre a Estratexia e se identificaron os retos e necesidades do sector con concellos, xeodestinos, deputacións, autoridades portuarias, sector privado, ente outros.

O obxectivo con este intercambio de información co ecosistema de turismo galego foi o de recoller aportacións e propostas para establecer os mecanismos máis axeitados para materializar a colaboración entre a Administración e o sector privado e axustala ás demandas que os responsables do sector teñen detectadas.

Neste proceso participativo, no que se inscribe tamén a reunión informativa celebrada hoxe, tense en conta a necesidade de transformación do modelo turístico de Galicia atendendo a criterios de sustentabilidade e transformación dixital, aprendendo de experiencias de outros territorios e aproveitando o coñecemento internacional que os axentes do ecosistema teñen no relativo ao turismo de destino.