Friday 22 de November de 2024

A Deputación da Coruña esixe desculpas públicas ao alcalde de Oleiros por criticar o reparto das subvencións de servizos sociais


O presidente da institución provincial asegura que “non consentiremos” que se dubide da profesionalidade dos técnicos provinciais no que se refire á concesión de axudas públicas

A Deputación da Coruña esixe ao alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, desculpas públicas por ter criticado o reparto das subvencións aos proxectos de Servizos Sociais presentados polos concellos da provincia.

O concelleiro Ignacio Crespo acudiu esta mañá á sede da institución provincial acompañado da secretaria municipal para consultar o seu expediente de solicitude de axuda para a posta en marcha dun programa básico de inserción social dentro do plan de mantemento dos Servizos Sociais municipais, cuestión que se lle facilitou desde a Deputación despois de que o solicitaran o pasado xoves.

No expediente comprobaron que desde o Concello non se especificaba o número de persoas que sairían beneficiadas dese proxecto, polo que ese apartado non puido ser puntuado polos técnicos provinciais encargados da valoración das propostas que se reciben para optar a unha subvención ordinaria.

Por iso, o presidente da Deputación, Diego Calvo, asegura que o alcalde ten agora que pedir desculpas públicas porque “non consentiremos” que se dubide da profesionalidade dos técnicos provinciais. “O alcalde de Oleiros, antes de falar, debería comprobar que ten feito as cousas ben desde o seu Concello”, asegurou Calvo, que explicou que “para nós, na Deputación, é fundamental saber cantas persoas poderán beneficiarse dun proxecto, sobre todo no caso dos Servizos Sociais, antes de conceder a axuda”.