O Concello da Pobra do Caramiñal e a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo asinaron nesta semana un convenio de colaboración que supón unha subvención á Administración local para sufraga-lo gasto na contratación de auxiliares da Policía local durante a tempada de verán deste 2021 e que se atopa ao abeiro do Plan Específico de subvencións a concellos turísticos de Galicia con elevado incremento poboacional.
Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, A Pobra do Caramiñal atópase entre os concellos turísticos de Galicia con poboación superior a 5.000 habitantes que dispoñen de maior número de prazas de aloxamento e, durante a época estival, considérase que o incremento de poboación require contar cunha seguridade pública municipal reforzada.
Así, a Administración local resulta beneficiaria dunha achega de 7.000 euros para contribuír a sufraga-lo gasto total das contratacións efectuadas, que ascende a 35.659’56 euros.
O Concello expresa o seu agradecemento á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo por continuar habilitando liñas de axudas desta natureza a entidades locais durante a crise provocada pola pandemia derivada da COVID-19.