A fortaleza rexistrou 4.111 entradas entre abril e agosto, 1.500 máis que no mesmo período de 2019
É sabido que a actual situación sanitaria mudou as preferencias turísticas. Agora búscanse destinos de cultura e natureza que ofrezan unha experiencia tranquila, lonxe de masificacións. Condicións que se dán en Moeche e que se traduciron a partir da primavera nun espectacular incremento das visitas ao castelo e o Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas. Segundo os datos da área de Turismo, entre o primeiro de abril e o remate de agosto percorreron a fortaleza un total de 4.111 persoas, o que supón un incremento do 60% con respecto ao mesmo período pre-pandemia de 2019, cando se rexistraron 2.569 entradas. O dato confirma o tirón do castelo como ben fundamental para comprender a nosa historia, pero tamén como espazo ideal para acoller distintos eventos que reforzan o seu cometido cultural.
O Goberno local sinala que a diversificación da oferta do castelo emprendida hai uns anos “está dando os seus froitos” xa que nel non só se atopa patrimonio, senón tamén “un xeito de interpretalo en relación coa historia de Galicia” que é complementario “dun uso actual que vai máis aló, con programacións paralelas e intimamente relacionadas coa propia edificación”, explica Beatriz Bascoy.
Durante este ano o castelo de Moeche foi escenario da exposición “Galicia con Exín Castillos”, que aínda permanecerá aberta no Centro de Interpretación durante todo este mes, co aliciente de contar cunha réplica a escala da propia fortaleza. Tamén acolleu percorridos nocturnos -co gallo do Día de Galicia- amenizados pola música do Keilin Four Ensemble e, hai escasas semanas, rematou o calendario de visitas teatralizadas “O castelo non é para nós”, con Yago Espasandín e Raquel G. Crespo na pel do conde de Lemos, Pedro Álvarez de Osorio, e da súa segunda dona, Isabel de Castro.
Ademais, a edificación fixo voar a imaxinación da rapazada participante no campamento socioeducativo Sementeira e foi punto de arranque dos itinerarios guiados do Toelo, encadrados no programa de xeorrutas promocionais do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. A última delas desenvolverase o próximo domingo 26 de setembro entre as 10 e as 14:00h, guiada polo doutor en Xeoloxía Francisco Canosa. As reservas poden facerse a través deste formulario.
“O espazo está consolidado como referente cultural e de lecer”, insiste Beatriz Bascoy. A rexedora engade que en breve se agarda ter definida a remodelación e modernización dos contidos expositivos por medio dun convenio de 50.000 euros acordado coa área de Turismo da Deputación da Coruña. O ente provincial tamén colabora co Concello no financiamento dos contratos do persoal en cargado da Oficina de Información Turística e da atención a visitantes do Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas. A este capítulo a Deputación contribúe cuns 22.000 euros.
Incremento notable do número de visitantes
Tal e como mostran os rexistros diarios de entrada, o castelo de Moeche segue sendo un dos bens patrimoniais con maior atractivo da zona. E cada vez máis, se temos en conta o grande incremento de visitantes que se produciu entre abril e agosto deste 2021. No mesmo período de 2016 pasaron pola fortaleza algo máis de 2.000 persoas, en 2017 subiron até as case 2.300, en 2018 superaron as 2.500 e en 2019 abeiraron as 2.600. O cómputo do mesmo intervalo no presente ano superou todas as expectativas, cun total de 4.111 visitantes ou, o que é o mesmo, exactamente un 60% máis que o mellor dato anterior á pandemia. A cifra é provisional, xa que haberá que agardar a primeiros de xaneiro para dispor do balance anual completo.