A carballeira de Santa Minia acollerá mañá sábado 18 de setembro, de 11:00 a 19:00 horas, unha nova edición da Feira da Carballeira, organizada polo Concello de Brión en colaboración coa asociación Daquí Darredor. Unha feira na que se anotaron unha vintena de postos de veciños e veciñas, tanto de Brión como da comarca, que venderán produto labrego, ecolóxicos, artesán, viveiro (horta, xardín, flores, froiteiras…) ou de segunda man.
Coincidindo coa apertura da Feira tomarán a saída as 40 persoas inscritas na andaina teatralizada “Déixate levar.. á Batalla de Altamira”, organizada pola asociación Déixate Levar e cun percorrido de 12 quilómetros. Durante a mañá, na carballeira de Santa Minia haberá un obradoiro de elaboración de xabóns tradicionais (12:30 horas) e unha cata de produtos de temporada (13:30 horas).
Xa pola tarde, os máis pequenos desfrutarán cos contos do Chiki (17:00 horas) e dunha sesión de cociña ao vivo (18:00 horas). A Feira da Carballeira pecharase cunha foliada entre as 18:30 e as 19:00 horas. No caso de choiva, desta vez a feira trasladarase ao centro comercial Monte Balado.