Saturday 16 de November de 2024

Malpica incrementa en máis de 1.100 horas mensuais o seu servizo de axuda a domicilio a persoas dependentes


• A veciñanza malpicá pasa a dispoñer de 62.160 horas ao ano deste servizo que proporciona a Consellería de Política Social.

• Esta mellora supón un investimento aproximado de 172.700 euros co que se segue a traballar para reducir as listas de agarda no municipio.

O Concello de Malpica, grazas á Consellería de Política Social, incrementa en 1.107 horas ao mes o servizo de axuda a domicilio (SAF) para persoas dependentes. Esta mellora supón un investimento aproximado de 172.700 euros co que se segue a traballar para reducir as listas de agarda no municipio.

Este aumento súmase ás 4.073 horas mensuais das que xa dispoñía a veciñanza malpicá, unha cifra que chega agora ás 5.180 horas por mes. En total, Malpica conta con 62.160 horas anuais no SAF.

Neste sentido, o alcalde Eduardo Parga agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia
“para poder seguir facilitando a vida de moitas persoas que necesitan do coidado e do apoio diario para saír adiante”.

“Supón unha importante mellora nas horas do servizo, cun incremento de máis do 21% que contribuirá a reducir as listas de agarda para beneficiarse da prestación”, engadiu.