A Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), e a Asociación Mar da Pobra diversifican as xornadas de turismo mariñeiro ofertando tamén esta actividade durante os próximos meses a grupos escolares de infantil e primaria de centros educativos de toda Galicia. Dáselle así continuidade a esta iniciativa cos obxectivos principais de achegar o oficio das mariscadoras ás novas xeracións e fomentar así o respecto polo mar, polo traballo neste ámbito e polo medio natural, ademais de contribuír con esta acción á desestacionalización da demanda turística.
A primeira destas xornadas de turismo mariñeiro dirixida a escolares terá lugar no 21 de setembro con alumnado de 4° da primaria do CEP Salustiano Rey Eiras.
Tódalas visitas transcorrerán en horario de mañá, adaptándose á xornada lectiva dos centros, e comezarán coa proxección dun vídeo sobre a cadea pola que pasan os recursos marisqueiros, no Auditorio do Museo Valle-Inclán, para, posteriormente, desprazarse ata a propia praia, ben sexa na dos Areos ou na dos Raposiños, para coñecer in situ da man das mariscadoras os distintos bivalvos que se ocultan baixo a area. Seguirase así o formato das xornadas que transcorreron durante o verán, pero cun discurso adaptado ao rango de idade do público para que a experiencia resulte máis didáctica, polo que tamén se contará con láminas de apoio para os nenos e nenas.