Friday 22 de November de 2024

Volve a Romaría de Santa Minia, do 24 ao 27 de setembro, mantendo os servizos relixiosos e con restricións nas actividades lúdicas


O Concello estableceu 3 áreas diferenciadas para o control de aforo: a praza do Concello para as actividades familiares, unha parcela próxima para os concertos e a carballeira para os postos de alimentación

O Concello de Brión vén de dar a coñecer a programación especial co gallo das Festas de Santa Minia, que terán lugar do 24 ao 27 de setembro despois de que o ano pasado quedara limitada aos oficios relixiosos e a singulares tiradas de fogos de artificio sen concentración de persoas por mor da pandemia da Covid-19. Unha situación sanitaria que tamén condicionará a celebración deste ano, que presenta moitas novidades.

A primeira delas será descentralizar as actividades lúdicas e culturais, que tradicionalmente tiñan lugar na Carballeira de Santa Minia, para así dispoñer de espazos diferenciados onde desenvolvelas con control de aforo e dar cumprimento aos protocolos anti-covid. Así, as actividades familiares terán lugar ás 18:00 horas na praza do Concello de Brión, con entrada libre ata completar aforo. Trátase do Mago Romarís con Maxia Potásica (venres 24), Pistacatro con “Oh Olimpiadas!” (sábado 25), Lohengrin Teatro con “A mirada das Bolboretas” (domingo 26) e Odaiko con “Tempos modernos” (luns 27).

Reservas de entrada para os concertos

Pola súa banda, os concertos adiantan a súa hora de celebración ás 20:00 (salvo o venres, que será ás 20:30 horas) e terán lugar nunha finca próxima á carballeira, na que tradicionalmente se colocaban as atraccións para os nenos e nenas, que este ano non estarán operativas. Ademais, para asistir aos concertos do Grupo América de Vigo (venres 24), Manoele de Felisa (sábado 25), Carapaus e Os D´Abaixo (domingo 26) e da Banda Municipal de Música de Brión (luns 27) haberá que reservar entrada a través de entradasbrion@gmail.com, indicando: nome, DNI e teléfono. A entrada enviarase ao mail da persoa solicitante, que deberá presentala para poder acceder á súa butaca.

O prazo para reservar localidades ábrese hoxe venres 17 de setembro e estará aberto ata as 14:00 horas do 23 de setembro. O acceso aos espectáculos pecharase 15 minutos antes do seu inicio, de forma que as cadeiras que queden baleiras poderán ser ocupadas por persoas sen entrada previa, de acordo á hora de chegada.

Non haberá queima da fachada

O terceiro espazo, a propia Carballeira de Santa Minia, estará ocupado polos postos de alimentación, artigos relixiosos, cereiros, etc. Este ano non se permitirá o emprazamento de postos de venda na avenida de Santa Minia. De feito, por primeira vez nos últimos anos, a estrada AC-451 non será cortada en ningún momento, nin sequera no propio día de Santa Minia. Os que non faltarán á súa cita son os cinco polbeiros, que deberán adaptar o seu aforo á normativa vixente.

Outra novidade desta edición de Santa Minia é que non terá lugar a tradicional queima da fachada, para evitar a concentración dos milleiros de persoas que cada ano se daban cita na carballeira para este evento. No seu lugar terá lugar unha tirada de fogos de artificio simultánea dende Brión, Bastavales e Viceso, de forma que poderá ser vista dende todos os recunchos do municipio e de forma segura.

Os que non sufrirán ningún tipo de cambio, máis aló do cumprimento da normativa anti-covid vixente, son os actos relixiosos. A novena terá lugar do 17 ao 25 de setembro, ás 9:00 e 20:00 horas. O sábado 25 haberá tres sesións especiais: 18:00, 19:00 e 20:00 horas. O Domingo (Véspera), haberá oficios tanto de mañá (9:00, 10:00, 11:00, 12:00 e 13:00 horas) como de tarde (18:00, 19:00 e 20:00 horas). Unha mesma programación que se repetirá o Día de Santa Minia, coa misa solemne ás 13:00 horas e unha sesión máis ás 17:00 horas.