― O Goberno galego inviste este ano máis de 2,8 millóns de euros en melloras en centros educativos de Bergantiños-Costa da Morte
― Este verán se están acometendo nesta zona dúas actuacións en Cee e Cerceda cun orzamento de 358.000 euros
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou que a Xunta de Galicia vai acometer varias actuacións no CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso cun investimento de máis de 85.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros.
A actuación ten un prazo de execución de dous meses. O proxecto propón a adaptación do espazo da piscina para a creación dunha sala multiusos para o centro educativo e inclúe tamén mellorar as instalacións e as condicións térmicas deste espazo.
Segundo explicou o representante do Goberno autonómico, esta importante actuación ten por obxectivo primordial mellorar o confort dos alumnos e profesores que cada día interactúan no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia aprobado polo Goberno galego. Este plan supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas.
Este investimento únese as obras proxectadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade que contemplan 35 actuacións en centros educativos de Bergantiños-Costa da Morte cun investimento global de 2,8 millóns de euros.
Segundo explicou Gonzalo ademais desta actuación en Ponteceso, a Xunta xa licitou a rehabilitación integral do CPI Alcalde Xosé Pichel en Coristanco, cun investimento de máis de 664.000 euros, 361.000 euros para a renovación da cuberta e das carpinterías do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños e 380.000 euros para a reforma das carpinterías e do SATE do CEIP Eugenio López de Cee. Ademais, está previsto que se liciten en breve melloras en centros da Laracha.
O delegado da Xunta tamén destacou que este verán está previsto que se rematen as obras do IES Fernando Blanco de Cee e do CPI O Cruce de Cerceda que contan cun orzamento total de 358.000 euros.
Trenor tamén explicou que, a pesar de que algunha obra pode verse afectada pola subministración de materiais que se está dando de maneira xeneralizada en todos os sectores industriais, todas as melloras nos centros educativos están deseñadas e planificadas para que, en ningún caso, incida no normal desenvolvemento do curso escolar.