Friday 22 de November de 2024

Ramón Loureiro, 25 anos de literatura, 35 anos de xornalismo. Unha vida enteira de escritura


A terra de Escandoi, a creación dun mundo…

Fene disponse a homenaxear os 25 anos na literatura e os 35 anos no xornalismo de Ramón Loureiro cun acto, organizado pola Concellería de Cultura e o Club de Prensa de Ferrol, que terá lugar o vindeiro xoves, 23 de setembro, ás 20 h nas instalacións do CMI Unidade de Fene.

Na homenaxe intervirán, ademais de Ramón Loureiro, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto; o director da editorial Medulia, Xulio López Valcárcel; a profesora, Esperanza Piñeiro de San Miguel e o alcalde de Fene, Juventino Trigo Rey. Ademais, no decurso da mesma presentarase “Las máscaras del fin del mundo”, última obra do autor, escrita a modo de dietario en prosa que, ao mesmo tempo se achega á poesía, e na que Ramón Loureiro introduce moitos dos personaxes das súas anteriores novelas ao tempo que reivindica a cultura e reflexiona criticamente sobre a actualidade.

Dadas as limitacións de aforo, para asistir ao acto é imprescindible reservar praza antes das 12:00 h do 21 de setembro no correo electrónico cultura.deportes@fene.gal ou no teléfono 981 340 366.
Ramón Loureiro inicia a súa carreira literaria coa publicación dun relato na revista Poesía Galicia, no que agroma por primeira vez a chamada Terra de Escandoi, territorio mítico que creou e desenvolveu nos seus libros. En palabras de Loureiro, “A Terra de Escandoi foi medrando co paso do tempo. Nun principio só abranguía Sillobre, pero foi ampliando os seus límites e agora xa se estende, en maior ou menor medida, por case todo canto dende Sillobre se ve”.

Académico de número da Academia. Auriense-Mindoniense de San Rosendo, Ramón Loureiro conta no seu haber, entre outros, co l Premio Julio Camba de Periodismo, o Premio Letras de Bretaña e o Premio Caminhos da Memoria (outorgado pola universidade portuguesa do Minho) e foi xurado do Premio Nacional de Literatura e do Premio Nacional de la Crítica.

Miguel García-Posada chegou a cualificar de “obra mestra” a súa novela Las Galeras de Normandía. Segundo Ángel Basanta, presidente da Asociación Española de Críticos Literarios, “Loureiro é un escritor singular, que non se parece a ninguén, agás no feito de probablemente ser o máximo herdeiro de Cunqueiro, e isto cando menos para min, resultan palabras maiores. Ramón creou un universo singular, Escandoi, cun selo moi persoal, dunha imaxinación extraordinaria, que parte dun espazo e tempo concreto para convertelo en xanela que se abre ao mundo enteiro”