Friday 22 de November de 2024

Nava Castro destaca o éxito e o alto nivel de execución do programa “O Teu Xacobeo”


― A iniciativa, que remata a finais deste mes, permitiu dinamizar, descentralizar e adaptar a programación do Xacobeo 21-22 ás condicións derivadas da pandemia a través de centos de actividades espalladas por toda a xeografía galega

― Entre as dúas edicións o programa suma máis de medio milleiro de proxectos concedidos, o 80% dos cales xa foron executados, cun investimento de máis de 8 millóns de euros

― As actividades do programa chegaron a máis de 200 concellos e permitiron abordar o Xacobeo e o Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar coa participación de asociacións e entidades públicas e privadas

A piques de rematar o prazo de execución da segunda edición de O Teu Xacobeo, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fixo balance hoxe no Parlamento galego programa O Teu Xacobeo, unha iniciativa pioneira que permitiu contribuír a construír unha programación do Xacobeo 21-22 que nacía da propia sociedade galega.

Nava Castro destacou o éxito deste programa, que conta con dúas convocatorias que sumaron un total de 572 proxectos concedidos cun investimento de 8 millóns de euros e case 15 millóns mobilizados. “Este programa foi a maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais da historia de Galicia e amosa á perfección que o Xacobeo e o Camiño están presentes no conxunto da sociedade galega”, explicou a directora de Turismo de Galicia, que fixo fincapé no alto porcentaxe de execución dos proxectos concedidos, que xa supera o 80% no conxunto das dúas edicións.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia destacou que o programa cumpriu, ademais, co obxectivo desestacionalizador e descentralizador co que se abordou a adaptación da programación deste Xacobeo, espallando as actividades en máis de 200 concellos das catro provincias que implicaron a asociacións, entidades públicas e privadas e que permitiron abordar o fenómeno do Xacobeo e do Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar.

Castro aproveitou a súa comparecencia para destacar que o programa de O Teu Xacobeo permitiu incrementar a implicación a nivel local na celebración deste Ano Santo, dinamizar todo o territorio con actos pequenos, diversos e máis dinámicos a través dos que se espallaron e se fixeron máis presentes os valores do Camiño na propia sociedade galega.