A alcaldesa da Coruña inaugurou a Semana Europea da Mobilidade que, baixo o lema “Pola túa saúde, móvete de forma sostible”, pretende fomentar unha mobilidade máis sostible, máis saudable e máis segura
A rexedora asegurou que o Goberno local investiu “7,5 millóns de euros en 35 actuacións que aumentan o espazo urbano para as persoas”
A alcaldesa da cidade, Inés Rey, inaugurou esta mañá no Obelisco a Semana Europea da Mobilidade que, baixo o lema “Pola túa saúde, móvete de forma sostible”, ofrece desde hoxe e até o vindeiro mércores unha ampla programación de actividades organizadas polo Concello para promover unha mobilidade
máis sostible, máis saudable e máis segura.
“Despois de décadas nas que na Coruña planificáronse roldas que tiñan como finalidade priorizar a mobilidade rodada e o vehículo privado, apostamos pola quinta rolda, que será peonil”, apuntou Rey. Unha rolda de 3,5 km con espazos integradores onde os cidadáns e as cidadás poidan moverse, relacionarse, traballar e gozar do espazo público dun xeito máis sostible, máis saudable e máis seguro. Non son só palabras, dixo, “temos executado xa catro tramos de dita rolda que suman un ámbito de 7.500 m² e un millón de euros de inversión, e xa están en proxectados outros tres tramos que abranguen unha superficie de 12.000 m² e tres millóns de euros de investimento”.
A rexedora amosou a súa satisfacción “por ter avanzado neste último ano significativamente na nosa aposta por un cambio de modelo de cidade” e asegurou que o Goberno municipal xa investiu “7,5 millóns de euros en 35 actuacións que aumentan o espazo urbano para as persoas” dentro do programa Coruña Camiña.
A alcaldesa recordou que o Concello tamén avanzou na mellora da mobilidade ciclista co impulso da Cidade 30, a ampliación dos carrís bici existentes e a mellora da rede BiciCoruña incrementando o número de estacións e de bicicletas. Asegurou que antes de finais de ano introduciranse as bicicletas eléctricas.
O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, sinalou que “o modelo de cidade que queremos debemos construílo entre todos coas políticas públicas, coas políticas municipais e coas orientacións que a Unión Europea nos está facilitando a través da asignación de fondos de reconstrución dirixidos á mobilidade”. Villoslada demandou a progresión da mellora da calidade do aire e a procura de mellores cotas de seguridade viaria para acadar o obxectivo de sinistralidade cero. Neste senso, asegurou, “os esforzos para implantar na Coruña a cidade 30, as novas redes camiñables e os espazos públicos peonalizados ou semi peonalizados e a mellora das redes ciclables contribúen a desenvolver políticas para construír unha cidade máis amable, máis saudable
e máis segura”.
Este ano a Semana da Mobilidade contará coa participación activa de institucións, asociacións e colectivos implicados na mellora da mobilidade na nosa cidade; que se traduce en actividades concretas coma o circuíto ciclista, a marcha escolar pola Rolda Peonil, a escola da bici, unha noite da mobilidade especial para conmemorar a semana e numerosos obradoiros e actividades nas rúas da Coruña. Un ano máis o Día sen Coches, o mércores 22 de setembro, pechará a semana co corte ao tráfico da rúa San Andrés onde se realizarán actividades deportivas e relacionadas coa mobilidade.
No acto inaugural tamén participaron a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán; a edil de Deportes, Mónica Martínez; representantes de Mobiliza, Stop Accidentes, AUVMP, Galicia Rollers, EMVSA, Emalcsa e Asociación Taxistas