Friday 22 de November de 2024

Inés Rey insta á Xunta a aclarar cal é o seu compromiso económico co Porto


Na Comisión de Traballo do Porto acordouse elaborar unha nova versión do protocolo que regule os peiraos de Batería e Calvo Sotelo

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, solicitou á Xunta que aclare cal vai ser o seu compromiso co porto,
despois de que o Goberno autonómico ofrecera un investimento de 20 millóns de euros que agora reduce á cuarta parte desa cantidade.

Rey recordou que durante os catro anos de goberno do PP en todas as Administracións, incluído o Concello, non houbo ningún avance, e que desde que ela mesma convocou o cumio do 23F encarrilouse unha solución que inclúe a construción do ferrocarril a Langosteira (171 millóns de euros), a reordenación da débeda da Autoridade Portuaria e a asunción de compromisos económicos por parte do Concello.

Doutra banda, a reunión da comisión interadministrativa celebrada hoxe en María Pita acordou a redacción dunha nova versión protocolo e dun novo convenio para a denominada Zona 1 (Batería e Calvo Sotelo), documentos que substituirán aos asinados no 2004.

Concello, Xunta, Autoridade Portuaria, Deputación e ADIF estiveron representados na comisión, que concorda tamén na necesidade de que o desenvolvemento e integración dos peiraos se leve a cabo desde un ente público de xestión. Na reunión quedou patente que non é preciso que exista unha correlación entre a participación na adquisición dos terreos e as obras de urbanización. Segundo o concelleiro de
Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, a lei non impide efectuar investimentos públicos mediante convenios ou figuras semellantes.

No encontro, Villoslada defendeu a necesidade de avanzar, mediante a elaboración dun Plan Director, nunha planificación urbana de calidade, sen desbotar que o Plan Director ordene a zona 2 e se avance na zona 1 mediante o uso doutras figuras de xestión urbanística. En todo caso, as partes coinciden na necesidade de levar a cabo unha boa planificación para uns espazos especialmente sensibles (tanto zona 1 como zona 2) e en propoñer proxectos que sexan compatibles con algunha das liñas de financiamento da Unión Europea.