Friday 22 de November de 2024

A Concellaría de Igualdade de San Sadurniño presentará a obra “Poesía en feminino. Mulleres do Rural” no marco do quinto recital poético que se celebra este sábado


A área municipal de Igualdade e a Nova Poesía Guitirica promoven a quinta edición do “Recital de poesía en feminino”, que terá lugar nos xardíns municipais este sábado a partir das 17:30h. Ao evento asistirán integrantes do colectivo e creadoras e creadores locais que se valen da poesía para reivindicar a igualdade e visibilizar a muller en todos os ámbitos. Ademais, na cita tamén se presentará o libro Poesía en feminino “Mulleres do Rural” editado polo Concello de San Sadurniño con cargo aos créditos do Ministerio de Igualdad, dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero. O volume, con prólogo de Emma Pedreira -que tamén acudirá ao encontro-, recolle as voces das persoas participantes neste proxecto iniciado en 2017, que pouco a pouco se foi convertendo nun referente da produción poética en clave feminina e feminista. Para asistir é necesario reservar previamente no 981 490 027 ou no correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal

O V Recital de Poesía en Feminino desenvolverase na parte baixa dos xardíns, ao pé do grande magnolio situado preto da pista multixogos. A poesía rodearase, ademais, da exposición ao aire libre “Nós somos elas” que permanece no espazo ata finais deste mes traída ata San Sadurniño gracias a unha colaboración entre a área de Igualdade da Deputación da Coruña e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Na mostra -composta por grandes paneis impresos- xúntanse os antigos retratos de mulleres feitos polo fotógrafo laxeiro José María Vidal cos versos de 25 poetas galegas actuais.

Entre elas está Emma Pedreira, quen tamén acudirá ao recital deste sábado e quen asina o prólogo do poemario Poesía en feminino “Mulleres do Rural” editado polo Concello de San Sadurniño. Nel recóllense as máis de medio cento de composicións recitadas nos últimos catro anos, obra de poetas integrantes do colectivo da Nova Poesía Guitirica, pero tamén de nomes de San Sadurniño.

Estas últimas serán as protagonistas da edición 2021, que tira por unha estrutura un chisco distinta para darlle cabida no mesmo acto á presentación do libro e á parte de declamación. As convidadas son Consuelo Picos, Carmen Couce, María Teresa Pouso, Nerea Calvo, Alba Rivera, Xela Barro, Marián Arroyo e (por confirmar) Ángela Arnosa. Ademais tamén intervirán a propia Pedreira, a concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo, e Antón Tenreiro (Anton de Guizán), un dos promotores do movemento chairego da Nova Poesía Guitirica.

O colectivo é parte fundamental no contido dun libro que, como indica o propio título, vén marcado pola expresión en feminino de todo tipo de sentimentos enfiados pola reivindicación dunha igualdade plena e real, nuns casos por medio do berro firme contra o machismo, noutros como denuncia das reticencias da sociedade a un cambio necesario e sempre como alumbramento íntimo dunha mensaxe de empoderamento, manifestada a través da creación libre de amarrallas patriarcais.

Poesía en feminino “Mulleres do Rural” sae do prelo cunha tirada inicial de 200 exemplares, cuxa maquetación e impresión se financian cunha achega do Ministerio de Igualdad, en aplicación dos acordos do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero. Parte desta primeira edición distribuirase de balde no recital e tamén se deixarán exemplares na biblioteca municipal, no CPI e no mostrador do rexistro do Concello, ademais de formar parte dos agasallos institucionais que faga o consistorio en datas sinaladas.

Outras citas para ter en conta esta fin de semana:

XIX Trofeo de volei Concello de San Sadurniño
Sábado, 18 de setembro⋅10:00-14:00 e 17:00 a 21:30 (aprox)
Localización:
Pavillón municipal de San Sadurniño
de, Aldea Marqués Figueroa, 19, 15560 Avenida do Marqués de Figueroa, A Coruña, España

Descrición:O Aldebarán quenta motores para o inicio da súa segunda estadía na Superliga Masculina, a máxima categoría do volei estatal. Para engraxar aínda máis a súa renovada maquinaria, o equipo local convidou ao Vigo Voleibol, ao Textil Santanderina e ao Dumbría para participar na 19ª edición do trofeo municipal, que se desenvolverá durante toda a xornada do sábado 18 no pavillón municipal.

Os emparellamentos quedaron do seguinte xeito:

10:00h Aldebarán-Intasa vs. Vigo Voleibol
12:00h Textil Santanderina vs. Dumbría
17:00h 3º e 4º posto
19:30h Final

Xeorruta das Pías
Domingo, 19 de setembro⋅10:00-14:00
Localización:
Castelo de Naraío
Lugar Castelo, 3, 15576 Castelo, La Coruña, España

O borde norte do Forgoselo está delimitado polo val do río Castro, un cauce que aproveitou a presenza dunha fractura para encaixonarse con maior facilidade entre as duras rochas graníticas. O do Castro é o que se coñece como val estrutural. Na zona de Riolimpo poden verse distintas fases da formación dos bolos -grandes rochas que aparecen na paisaxe, ás veces unhas dacabalo doutras- e tamén das pías, que son curiosos buratos resultado da erosión.

A ruta comezará ás 10.00h. no castelo de Naraío e, posteriormente, baixará a Riolimpo. Logo regresarase ao punto de partida e será necesario coller o coche para subir até Racamonde, lugar onde finalizará a ruta percorrendo a pista do parque eólico, salpicada a un lado e outro por distintas formacións graníticas.

A inscrición é gratuíta e debe facerse a través de este formulario. Hai un límite de 20 prazas.

Actuación da Xove Banda de Narón
Domingo, 19 de setembro⋅13:30-14:30
Localización:
Igrexa de Santa María de Igrexafeita

O Concello non renunciou a que en todas as parroquias, malia non haber festas, se mantivese viva a tradición das “funcións” do patrón ou patroa, e por iso coordinou cos cregos que nos días das misas principais se completase a xornada coa actuación da Xove Banda de Narón, ofrecendo un pequeno concerto no adro de cada igrexa. A rolda musical deste verán remata este domingo en Igrexafeita con motivo do Biscordel. (Horario aproximado)