Friday 22 de November de 2024

O Concello aproba o primeiro Plan Estratéxico de Subvencións para incrementar a eficacia das políticas públicas de interese social


Inés Rey: “O documento procura aumentar a eficacia da xestión pública e da acción social na Coruña”.

O plan, trienal, está dotado con 32,5 millóns de euros e fixa obxectivos estratéxicos e sistemas de avaliación do investimento público

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá a aprobación do primeiro Plan Estratéxico de Subvencións da súa historia, un plan que vén a ordenar e racionalizar as achegas públicas ás entidades e investimentos de interese social.

O novo plan, explicou, define os eixes xerais de actuación a seguir nas distintas liñas de subvencións, coordinando as accións nese ámbito co resto de políticas desenvoltas polo Goberno local. “O documento busca aumentar a eficacia da xestión pública e da acción social na Coruña”, dixo.

Co Plan Estratéxico de Subvencións da Coruña (PESCC) búscase fomentar a actividade pública de interese social, potenciar a transparencia e a publicidade, dar coherencia aos obxectivos estratéxicos marcados polo Goberno, optimizar os recursos, racionalizar e simplificar os procedementos e permitir a avaliación efectiva dos resultados.

Os obxectivos a seguir coas distintas liñas de axudas irán en consonancia coa programación orzamentaria, cos obxectivos de desenvolvemento da Axenda 2030 de Nacións Unidas e cos da Axenda Urbana Europea e a propia Axenda Urbana da Coruña.

“Trátase de que a política orzamentaria funcione dentro dunha coherencia, o que redundará en que sexa moito máis eficaz”, indicou Inés Rey.

O plan ten carácter trienal, e cada ano concretaranse as liñas estratéxicas nun Plan Operativo. Ademais, unha mesa técnica velará polo control e avaliación das actuacións levadas a cabo, permitindo así coñecer a efectividade do investimento público e contribuíndo a mellorar e reorientar as políticas municipais en cada ámbito.

O PESCC recompila e ordena todas as subvencións outorgadas polo Concello, que ascenden a 32,5 millóns de euros, a través de 292 liñas distintas, cantidade que inclúe as subvencións nominativas e, este ano de xeito excepcional, o PRESCO.

Rede de bibliotecas
Doutra banda, adxudicouse o contrato de servizos bibliotecarios á rede de bibliotecas municipais a LTM Servicios Bibliotecarios por un valor de 2.704.350 euros e un prazo de dous anos prorrogables por outro ano mais.

Deste xeito, explicou Rey, regularizamos un servizo que levaba funcionando con prórrogas e sen solucións desde o ano 2016. “Este contrato responde ao noso compromiso cos servizos culturais da cidade, xa que pon fin á situación de interinidade da rede municipal de bibliotecas e garante o seu futuro coa subrogación de 65 traballadores”, sinalou.

A empresa comprométese a realizar 120 horas anuais para formación das persoas usuarias sobre o funcionamento dos centros e 15 horas semanais para as seis direccións. O contrato potenciará os recursos das bibliotecas municipais, fomentará a lectura e sumará as novas tecnoloxías, adaptándose a rede ás necesidades actuais e ás novas formas de acceso á cultura que demanda a cidadanía.

Bonos PRESCO
A alcaldesa lembrou que desde hoxe a cidadanía pode descargar os Bonos PRESCO “para os que xa contamos con máis de medio milleiro de empresas e servizos adheridos”. Rey sinalou que por segundo ano, o Goberno local fai un esforzo para destinar preto dun millón de euros a esta iniciativa que como novidade e tras o éxito do ano pasado poremos en marcha 5 tipos de bonos (comercio, hostalería, salóns de peiteado e estética, taxi e cultura) e que permitirán a cada cidadán e cidadá dispor de 135 euros para consumir neste tipo de establecementos ou servizos.

O ano pasado esta iniciativa permitiu mobilizar vendas na cidade por valor de 3,6 millóns de euros e esperase que este ano tamén sirvan como revulsivo á compra no comercio local, á utilización do taxi e ao consumo na hostalería.

Básquet Coruña
Por outra parte, a alcaldesa avanzou que nunha mostra máis do compromiso do Goberno local co deporte base da cidade, o Concello asinará un convenio de colaboración co Club Básquet Coruña para contribuír ao financiamento do fomento das actividades deportivas cunha achega de 100.000 euros.

A alcaldesa sinalou que desde o Concello se aposta por todos os deportes investindo na mellora das instalacións e nos convenios coas entidades deportivas da cidade co fin de potenciar un dos nosos grandes recursos que é o deporte.

“A Coruña é sinónimo de deporte, e proba diso son os máis de 3 millóns e medio de euros que este Goberno local destinou no que vai de ano ao deporte na cidade a través da mellora das infraestruturas, concesións de bolsas deportivas, subvencións e convenios con entidades”, destacou.

E, por último, concedeuse a Cruz Vermella unha subvención de 89.000 euros, destinada a financiar o servizo de urxencias sociais que nos permitirá darlle unha resposta inmediata ás persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade social.