Thursday 21 de November de 2024

A Xunta realiza unha proba piloto en 8 albergues privados para elaborar un manual de boas prácticas


— Estas medidas incoporaranse ao protocolo anticovid xa vixente para garantir a seguridade nas infraestruturas de acollida aos peregrinos

— O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe no Parlamento que as medidas levadas a cabo para garantir a seguridade no Camiño e nos albergues

— O Goberno galego traballa para ampliar a rede pública de albergues co obxectivo de contar neste Xacobeo 21-22 con 78 instalacións como o albergue de Vigo, xa inaugurado, ou de Piñor, que se vén de licitar por 1M€

— As actuacións nos albergues inclúen 2,1M€ este ano en 28 actuacións de mellora nos albergues da rede pública, entre elas as reformas integrais nos de Arca no Pino e no de Palas de Rei

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta tomou tódalas medidas necesarias ante a covid cun protocolo rigoroso para garantir a seguridade de peregrinos e albergueiros.

A Xunta está a levar a cabo probas piloto en 8 albergues privados coa instalación de medidores de CO2 co obxectivo de garantir unha correcta ventilación e en base aos seus resultados elaborarase un manual de boas prácticas para incorporar ás medidas xa vixentes.

Nesta proba participan 4 albergues da provincia de Lugo-os de A Reboleira, Linar do Rei e Casa Domingo, os tres de Pedrafita do Cebreiro, e A Casa de Carmen de Sarria-; 2 da Coruña -Vía Láctea de Arzúa e Bela Muxía no concello do mesmo nome- xunto co albergue Albor no municipio pontevedrés de Caldas de Reis e o do Grelo Hostel en Ourense.

Alfonso Rueda lembrou que o Goberno galego ampliou a finais de agosto ata o ao 50% a capacidade dos albergues do Camiño de Santiago, tanto os da rede pública como os privados, para acoller con seguridade aos peregrinos que percorren as rutas xacobeas. A intención do Goberno galego é seguir a concretar co sector os pasos a seguir ante a nova situación coa posibilidade de continuar a incrementar tamén a capacidade dos albergues.

Na súa intervención tamén aclarou que a apertura dos albergues públicos coordinouse con planificación e co obxectivo de non competir coa oferta privada, de forma que o 15 de xuño abriron a metade dos albergues da rede pública e o 1 de xullo os restantes. Deste xeito, unha vez que se normalizou a chegada de peregrinos ao flexibilizarse as restricións sanitarias púxose en marcha a ampliación ata ao 50% actual da capacidade destas infraestruturas.

O vicepresidente primeiro considera que o traballo da Xunta para contar cun Camiño Seguro, incluídas as medidas para garantir a seguridade nos albergues, comeza a dar os seus froitos e permitiu a reactivación neste Xacobeo 21-22 con máis de 115.000 Compostelas seladas no que vai de ano e coa previsión de pechar o ano por riba das 140.000.

Por iso, confía en que a continuidade deste traballo para que Galicia sexa percibida como un destino seguro, grazas por exemplo ao seguro coronavirus ou a promoción con campañas como Camiña a Galicia, contribuirá a seguir sumando peregrinos no que queda de ano e sobre todo en 2022 coa chegada de camiñantes doutros países para celebrar este Ano Santo Dobre. Estas medidas tamén se reflicten na confianza demostrada polos peregrinos e o feito de que os positivos pola covid no Camiño foran puntuais tendo en conta a progresiva afluencia de camiñantes.
Por outra parte, a Xunta traballa na ampliación da rede pública co obxectivo de contar ao longo deste Xacobeo 21-22 con 78 albergues. Así, coa inauguración do albergue Juan Manuel López-Chaves a finais de xuño a rede incorporou o primeiro albergue público de peregrinos en Vigo. Ademais, xa se licitou por máis de 1 millón de euros o albergue de Piñor, en Ourense, que contará cun espazo para peregrinos a cabalo.
A Xunta reforza ademais o acondicionamento das instalacións xa existentes e ata finais de ano investirá 2,1 millóns de euros en actuacións en 28 albergues públicos, entre elas as reformas integrais do de Arca no Pino e o de Palas de Rei, xunto con outras reformas nas cubertas ou melloras de accesibilidade e eficiencia enerxética noutros 26.