● Na clausura do segundo programa, ‘Xuventude polo emprego’, o rexedor muxián, Iago Toba, destacou como “histórico” que os tres municipios puidesen contar con tres talleres destas características en tan pouco tempo.
● Os tres alcaldes e alcaldesas subliñaron a relevancia da “colaboración entre administracións” para continuar na loita pola inserción laboral.
Os Concellos de Camariñas, Vimianzo e Muxía contarán cun novo obradoiro de emprego baixo o sobrenome ‘Construíndo futuro’, do que será promotor o Concello de Camariñas.
Na clausura do segundo programa, ‘Xuventude polo emprego’, o rexedor muxián, Iago Toba, destacou como “histórico” que os tres municipios puidesen contar con tres talleres destas características nun breve período de tempo.
Os tres alcaldes e alcaldesas subliñaron a relevancia da “colaboración estreita entre administracións” para continuar na loita pola inserción laboral “en favor da veciñanza de toda a comarca”.
Así, outorgaráselle unha subvención ao Concello de Camariñas por valor de 346.946 euros con cargo ao orzamento da Consellería de Emprego e Igualdade para a realización deste proxecto, do que se poderán beneficiar 20 mozas e mozos nas especialidades formativas de auxiliar en conservación e mellora de montes, por unha banda, e na de pavimentación e albanelería de urbanización, pola outra.
Entre os obxectivos das actuacións a realizar, destacan os mantementos no monte Covadiña de Camariñas; a actuación, conservación e mellora de zonas axardinadas de Quintáns, Viseo e Caberta, en Muxía; a actuación forestal e de xardinaría no polígono industrial de Vimianzo, así como no campo da festa de Bamiro, na parcela Insua e na área recreativa do Val; o acondicionamento da praza Insuela, en Camariñas; ou as actuacións de albanelería de urbanización na sala de máquinas da piscina municipal de Vimianzo.
Ao unísono, os tres rexedores e rexedoras de Camariñas, Muxía e Vimianzo, Sandra Insua, Iago Toba e Mónica Rodríguez, agradeceron a implicación á Xunta de Galicia e ás ADL dos tres municipios: María Jiménez, Anabel Piñeiro e Rosa Sánchez, “fundamentais no devir destes programas”, destacaron.