Friday 22 de November de 2024

Asociacións de hostaleiros de toda España fíxanse no PRESCO como modelo de reactivación económica desde o ámbito municipal


O plan de incentivos ao comercio (bonos PRESCO) activarase mañá con case medio milleiro de negocios adheridos ou en proceso

Jose Manuel Lage: “O goberno de Inés Rey destinou máis de 20 millóns de euros a plans de recuperación, máis que ningún outro concello en Galicia”.

Asociacións de hostaleiros de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e entidades de ámbito nacional reuníronse na Coruña, convidadas pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría, que preside Héctor Cañete, para coñecer os detalles do PRESCO e promover a implantación de plans semellantes nos seus territorios.

O plan de incentivos ao comercio do Concello da Coruña (os bonos PRESCO) actívase mañá para os cidadáns e cidadás na súa segunda edición. Os usuarios poderán trocar os bonos de desconto nos negocios adheridos ata o vindeiro 30 de novembro.

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, destacou, diante dos hostaleiros, a importante achega realizada polo Goberno de Inés Rey para contribuír á reactivación económica da cidade: “O goberno de Inés Rey destinou máis de 20 millóns de euros a plans de recuperación, máis que ningún outro concello en Galicia”, explicou.

Ata o momento, indicou Lage Tuñas, un total de 477 negocios téñense adherido ao plan de bonos, cifra que previsiblemente seguirá a medrar nos vindeiros días, xa que os distintos negocios poden sumarse ao plan no momento que consideren.

No relativo á hostalaría, José Manue Lage explicou que os bonos financiarán o 40% do consumo por persoa desde 10 euros de gasto ata un máximo de 15 euros por persoa. “Unha cidadá, ou un cidadán, que consuma por valor de 35 euros nun local adherido –puxo como exemplo- so aboará 21 euros, asumindo o Concello a cantidade restante”.

Lage Tuñas lembrou o consenso acadado na Coruña entre os distintos grupos políticos. Os dous plans foron aprobados por unanimidade e o primeiro deles permitiu a autónomos e micropemes percibir axudas públicas antes de que fosen habilitadas por outras administracións. Algunhas, como a Xunta, empregárono como modelo. “O plan de incentivos ideado polo goberno de Inés Rey foi copiada pola Xunta, que está a levar a cabo unha experiencia semellante, aínda que máis modesta no seu alcance”, indicou Lage Tuñas. Só no sector da hostalaría, explicou o concelleiro, o primeiro Presco permitiu mobilizar unha facturación de 4,3 millóns de euros o ano pasado.

Con respecto á primeira edición, a achega municipal por cidadán sube ata os 135 euros (o primeiro plan tiña un límite de 105 euros). Neste segundo Presco os establecementos poderán ingresar ata 5.000 euros de axudas co plan de bonos.

Ademais, persoas autónomas e micropemes poden solicitar tamén ata 2.000 euros de axudas directas para pago de alugueiros e cotas de autónomos e Seguridade Social (mañá remata o prazo para presentar as solicitudes) e ata 2.500 euros en axudas á contratación.

José Manuel Lage agradeceu a presenza dos representantes dos hostaleiros na Coruña e convidou ao sector a repetir a visita nun congreso ou encontro de ámbito nacional a celebrar na cidade o ano que vén, actividade para a que brindou o apoio do Concello e o respaldo da alcaldesa, Inés Rey.

Plans de bonos (985.000 euros):
•Bono 10 para o pequeno comercio: Descontos de 10 euros por cada 30 de compra ata un máximo de 30 euros por persoa. 400.000 euros
•Bono hostalaría: Desconto do 40% desde 10 de euros de consumo ata un máximo de 15 euros por persoa. 200.000 euros.
•Bono salóns de peiteado e estética: Descontos do 30 % desde 20 euros de compra ata un máximo de 20 euros por persoa. 100.000 euros.
•Bono Mobilidade (Taxi): Descontos do 30% desde 6 euros de compra. Máximo 10 euros por persoa. 50.000 euros.
•Bono Cultura: Descontos do 30% desde 10 euros de compra. Ata 60 euros por persoa. 235.000 euros.