― O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para desenvolver intervencións integrais coas mulleres e nenas vítimas de trata e explotación sexual
― Os apoios destínanse a accións de atención inmediata, asesoramento xurídico, laboral e social e programas a pé de rúa
― Desde 2016 resultaron atendidas máis de 3.000 vítimas grazas a esta iniciativa
A Consellería de Emprego e Igualdade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para levar a cabo proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e a vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual. O Goberno galego destinará un total de 449.998 euros a apoiar actuacións de nove organizacións, o que permitiría chegar a atender as necesidades dunhas 700 persoas vítimas.
As axudas da presente convocatoria tiveron como beneficiarias a Aliad-Ultreia de Lugo, Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e de Ourense, a orde das Hermanas Oblatas del Santísimo Redentor de Ferrol, Faraxa pola abolición da prostitución, Cruz Roja Española, Ecos do Sur, Fundación de Solidaridad Amaranta e Médicos del Mundo.
A orde prioriza proxectos de atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades xudiciais, fiscais e policiais, para a actuación inmediata coas vítimas de trata de seres humanos. Tamén permiten financiar accións de asesoramento social e apoio en trámites administrativos; de atención psicolóxica ou de orientación e asesoramento xurídico e laboral, entre outros.
A Xunta brinda cobertura, ademais, aos programas de atención a pé de rúa, co obxectivo de chegar aos lugares onde se poden atopar persoas vítimas de trata de seres humanos para ofrecerlles información sobre os recursos cos que contan.
Estas axudas, cofinanciables con fondos sociais europeos, enmárcanse no compromiso do Goberno galego coa atención ás vítimas de trata. Nesta liña, Galicia considera por lei a trata de mulleres e nenas como forma de violencia de xénero dándolles acceso aos apoios económicos periódicos da Xunta.
Grazas a esta iniciativa, a Xunta puido atender desde 2016 a máis de 3.005 persoas en situación de trata ou explotación sexual, 685 en 2020.