Esta actuación urbanística enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe e consistirá na creación dun novo parque público no núcleo rural de Coirós de Abaixo
A Xunta de Galicia e o Concello de Coirós colaborarán na execución dunha actuación urbanística para humanizar espazos públicos no núcleo rural histórico-tradicional e común de Coirós de Abaixo.
Este foi o compromiso asumido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde coruñés, Francisco Quintela, no marco dun convenio bianual subscrito esta semana e no que se fixan os termos da colaboración técnica e económica entre ambas administracións para levar a cabo a obra.
O obxecto da actuación é crear un parque público en Coirós de Abaixo con intervencións destinadas a habilitar accesos en rampla, mellorar e poñer a nivel os pavimentos, dotar a zona de axardinamento, e instalar mobiliario urbano e alumeado público. A tal fin levarase a cabo unha limpeza de vías, cunetas e espazos públicos, mellorarase a evacuación de augas pluviais e eliminaranse as barreiras arquitectónicas.
Cun custo de 1113.586,03 euros dos cales o 70% será achegado polo departamento autonómico e o 30% restante polo Goberno municipal, o convenio enmárcase no chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta fai máis dunha década co fin de axudar ás entidades locais a executar diferentes proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.
Tras a sinatura, Ángeles Vázquez subliñou o compromiso do seu departamento á hora de brindar apoio aos concellos co fin de promover actuacións que, como esta, contribúan a dinamizar as vilas galegas e melloren a calidade de vida dos seus veciños.
Neste sentido, cómpre lembrar que nos orzamentos deste ano a Consellería de Medio Ambiente reservou máis de 7,4 millóns de euros para executar actuacións en colaboración cos concellos dirixidas tanto a habilitar ou reformar equipamentos municipais, como a humanizar e poñer en valor as contornas urbanas.