Saturday 16 de November de 2024

Adxudicado o proxecto de investigación histórica:”Laxe, Porto Xacobeo”


O Concello de Laxe dispón de moitos indicios da existencia dunha antiga ruta xacobea que unía Laxe con Santiago de Compostela, pero carecemos de suficientes datos históricos (evidencias) que nos avalen a súa existencia, só algúns datos documentais de época, e restos no patrimonio local que levan a pensar da posibilidade da súa existencia.
Somos tamén conscientes que para poder acreditar a existencia dunha ruta marítima ata Laxe e desde aquí unha ruta terrestre ata Santiago de Compostela deberemos achegar moitos máis documentos, evidencias e citas históricas das que dispoñemos na actualidade.

Laxe, porto xacobeo é un proxecto de investigación histórica que busca proporcionar suficientes probas históricas da existencia dun porto xacobeo en Laxe, e desde aquí unha ruta de peregrinación ata a tumba do Apóstolo Santiago en Compostela. Precisamos obter datos dos arquivos históricos para que tanto a Igrexa Católica como a Xunta de Galicia, recoñezan Laxe como porto xacobeo.

O Concello de Laxe acaba de adxudicar o traballo de investigación histórica a un empresa de profesionais deste eido con máis de 15 anos de experiencia. Agardamos que nos vindeiros 6 meses poidan recabar dos arquivos históricos de Galicia e do resto de España evidencias claras da existencia de Laxe como porto xacobeo e desde aquí unha ruta de peregrinación por terra que conduciría Laxe con Santiago de Compostela.

De modo que existen na actualidade varios arquivos históricos onde podemos atopar datos e citas relacionadas co porto xacobeo de Laxe necesarios para acreditar a súa existencia antes as autoridades competentes.

Ao final, se conseguimos acreditar a existencia de Laxe como porto xacobeo e da conseguinte ruta xacobea por terra cara Santiago de Compostela, lograriamos un fito moi importante cunha grandísima repercusión e relevancia para o noso concello nos eidos da cultura, desenvolvemento social e económico, da promoción do turismo, do emprego… que supón ser un concello do Camiño de Santiago.
Este proxecto de investigación forma parte das actividades que realiza a Concellería Delegada de Turismo e Cultura dirixida pola concelleira Raquel Lema.

Desde a Concellaría delegada de Turismo e Cultura consideramos que LAXE TEN BASTANTES RAZÓNS HISTÓRICAS PARA PENSAR NA EXISTENCIA DUNHA RUTA XACOBEA:

A igrexa da Atalaia polo seu estilo arquitectónico está relacionada coa de San Marcos de Corcubión e coa de Santa María da Areas (Gótico mariñeiro ou galego). Está emprazada ao carón do Mar, e era o primeiro que verían os peregrinos unha vez chegaban. Os Condes de Altamira dispoñían dunha casa condal con escudo do antigo reino de Galicia na súa fachada (Casa do Arco). A igrexa dispón no seu interior dun retablo pétreo en forma de cómic de forte inspiración inglesa. Unha das súas escenas é única na península (A aparición de Cristo resucitado á Virxe María, acompañado polos xustos liberados do Limbo).

Tampouco deixa de chamarnos a atención o topónimo Lage/Laxe, abundante nos países escandinavos e que da nome a nosa vila e porto, un dos principais asentamentos das colonias vikingas en Galicia.
A existencia dun hospital de curas e outro de pobres e enfermos dos que hai testemuño documental. Dona Urraca de Moscoso no seu testamento de 1498 fai mención a uns cartos que deixa para o Hospital de Laxe; e da existencia do Hospital de pobres queda o testemuño gráfico de fotografías do Arquivo Fotográfico Vidal. Este último hospital de pobres estaría rexentado polos Dominicos, que dispoñen dun mural a Santo Domingo de Guzman na Igrexa parroquial.

A vinculación de Laxe coa dinastía do Moscoso de Altamira, fortemente ligados á cidade de Santiago de Compostela.

A parroquia de Santiago de Traba, na que o seu santo patrón é Santiago, e nesta igrexa gárdanse a figura de Santiago Cabaleiro ou Matamouros, Santiago peregrino e traslatio, sumado a lenda da cidade de Valverde.

Como podemos ver existen múltiples indicios e evidencias históricas que nos fan pensar na existencia dunha ruta xacobea de Laxe a Santiago.

PROXECTO: “LAXE, PORTO XACOBEO”
A importancia que adquire Santiago de Compostela desde a Idade Media converte á nosa vila nun pequeno porto situado na fachada marítima da antiga provincia de Santiago, a uns escasos 65 km por terra da tumba do Apóstolo.

Laxe era o porto principal da xurisdición de Soneira, e un dos portos principais do Condado de Altamira, baixo o dominio do Condes Moscoso de Altamira, fortemente ligados a cidade de Santiago de Compostela.

Laxe tiña no século XV un forte intercambio comercial con outras partes da península e de Europa. Por esta razón, o porto de Laxe pode ser considerado como un punto de entrada e de saída de peregrinos que acudían a Compostela.

Consta que xa no século XII as expedicións navais que partían de Gran Bretaña e o norte de Europa cara á Segunda e Terceira cruzada, entraron pola costa da antiga provincia de Santiago cara ao sepulcro do Apóstolo para solicitar a súa mediación.

Pero será a finais do século XIV cando se consolide a chegada de peregrinos por mar, en particular desde Inglaterra. A Coruña converterase no principal porto de entrada, pero non o único. O século XV foi moi importante para o desenvolvemento de Laxe coa construción da súa igrexa, da Casa do Arco, ou da existencia dun hospital para as curas. A vila de Laxe moi probablemente contemplou a chegada de devotos camiño da tumba de Santiago, conformando un dos camiños ingleses.

A vía marítima incluía, en ocasións, expedicións fretadas especificamente para os peregrinos, pero o máis frecuente era que os devotos aproveitasen as embarcacións que facían roteiros comerciais.

Desde a Idade Media, Europa encheuse de Hospitais de época e lazaretos. O termo lazareto designaría ás instalacións sanitarias destinadas a illar aos infectados por todo tipo de enfermidades contaxiosas.
Nas vilas portuarias, como era o caso de Laxe, era especialmente frecuente este tipo de instalacións, xa que o tráfico marítimo era unha das vías de propagación de moitas enfermidades contaxiosas como a Lepra. Na vila de Laxe e no século XV, posible enclave do tráfico comercial e de peregrinos a Santiago de Compostela, había un hospital de curas e un hospital de pobres e enfermos, rexentado por dominicos, orde relixiosa mendicante que se ocupaba dos máis pobres, peregrinos e enfermos.