Monday 25 de November de 2024

O Concello de Lousame organiza un curso para o manexo do móbil para persoas maiores


O Concello de Lousame retoma a celebración de cursos gratuítos para que os maiores do municipio aprendan a sacarlle todo o partido aos seus teléfonos e dispositivos móbiles. Uns obradoiros que terán lugar na Casa da Cultura lousamiá e que terán unha duración dunha hora semanal.

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que “despois da paréntese propia desta pandemia, queremos retomar uns cursos cos que buscamos proporcionarlles ás persoas maiores de Lousame os coñecementos suficientes para un eficaz uso dos seus dispositivos móbiles: que saiban conectarse a unha rede Wifi, que aprendan a facer e enviar fotos, que saiban usar o WhatsApp ou consultar as Redes Sociais ou o seu correo no móbil e tamén descargar aplicacións prácticas como para pedir cita médica, ler a prensa ou escoitar a radio no móbil…”.

Estes cursos están abertos á participación de toda a veciñanza de Lousame e serán totalmente de balde, previa inscrición nos Servizos Sociais do Concello (981 820 494) ou por WhatsApp no 689 126 385. Deste xeito, o Concello de Lousame dá continuidade aos cursos realizados en 2019. Unha iniciativa na que conta coa colaboración da Consellería de Política Social.