O Aldebarán quenta motores para o inicio da súa segunda estadía na Superliga Masculina, a máxima categoría do volei estatal. Para engraxar aínda máis a renovada maquinaria, o equipo local convidou ao Vigo Voleibol, ao Textil Santanderina e ao Dumbría para participar na 19ª edición do trofeo municipal que se xoga durante toda a xornada deste sábado 18 no pavillón municipal. A cita será a estrea perante o público do proxecto 21-22 con numerosos cambios na plantilla e no cadro técnico.
O trofeo comezará ás 10:00h co partido entre o anfitrión, o Aldebarán-Intasa, e o Vigo Voleibol. Ás 12:00h. agárdase que comece o enfrontamento entre Textil Santanderina e o Dumbría, como anticipo do duelo que se vivirá o 17 de outubro no pavillón do Conco no arranque da SM2, onde ambos equipos -e tamén o Vigo- xogarán no Grupo A. Xa pola tarde, a partir das 17:00h, disputarase o 3º e 4º posto do trofeo entre os perdedores da mañá e prevese que a final empece ás 19:30h.
Na pista poderemos ver un Aldebarán reconfigurado co obxectivo de permanecer sen apuros na Superliga Masculina. Nas últimas semanas o club local foi anunciando aos poucos as incorporacións ao proxecto, como a do receptor Manuel Gomes, o olímpico venezolano José Verdí, os brasileiros Leozao e Marcus Vinicius ou o californiano Michael Keegan. Únese ao equipo Roi Losada, volve Fran Fernández despois da súa estadía no Boiro e tamén regresa como adestrador seis anos despois Flavio Calafell.
Nomes que renovan son Javi Taibo, Marcos Piñón “Pakito”, Marcos Blanco e Boris Rodríguez, ademais de cobrar maior protagonismo canteiráns como Lucas Wünschmann, Álex Vizoso -sucesor natural de Pakito- e Álex Castrillón.
Campaña de abonos
O arranque de temporada está posto para o 2 de outubro, co partido que enfrontará na casa (19:30h) ao Aldebarán-Intasa co Melilla Sport Capital. A Superliga Masculina de Volei tamén ofrecerá apaixoantes derbis galegos contra o Rotogal Boiro e o Arenal Emevé, as outras dúas formacións que acompañarán aos de San Sadurniño na máxima categoría do volei estatal.
O equipo local ten en marcha a súa campaña de abonos con novos prezos, que poden solicitarse a través do correo sociosaldebaran@gmail.com ou do teléfono 638 616 767.
Quen renove antes do 20 de setembro -incluído- terá tres opcións: 65€ abono de temporada senior, 35€ abono xuvenil (menores de 16 anos) e 90€ para abonos de pais e nais de xogadores do club.
As novas altas de abonos terán os seguintes prezos: 75€ o abono senior, 40€ o abono xuvenil e 100€ o abono “clube” para nais e pais de xogadoras/es de calquera formación do Aldebarán.