A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na constitución da Mesa Local de Coordinación contra a violencia de xénero do Concello de Curtis
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na constitución da Mesa Local de Coordinación contra a violencia de xénero do Concello de Curtis, onde destacou a necesidade de coordinar todos os recursos dirixidos a sensibilizar á sociedade na loita e prevención desta lacra social.
López Abella manifestou que “é necesario mellorar a resposta institucional e a posta en marcha de novas medidas para abordar dun xeito cada vez máis eficaz este problema”, ao tempo que sinalou que esa eficacia pasa pola coordinación entre as institucións e os servizos públicos implicados para atender con axilidade as necesidades das mulleres que sofren vulneración dos seus dereitos a causa da violencia de xénero.
Así, o obxectivo da Mesa Local de Coordinación de Curtis é a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero. De aí que estea composta por todas aquelas institucións e organismos necesarios nesta loita, como o Concello, CIM, representantes xudiciais, Forzas e Corpos de Seguridade, centros educativos e de atención sanitaria e Subdelegación do Goberno.
Ademais, desde a Secretaría Xeral da Igualdade considéranse como obxectivos específicos desta Mesa a mellorara da detección precoz de casos de violencia de xénero; optimizar a coordinación dos axentes implicados na súa loita; ofrecer unha atención e unha resposta áxil ás vítimas; mellorar a protección das que presentan alto risco; e informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á poboación en xeral.
A secretaria xeral avogou por sistematizar o funcionamento das mesas en todos os concellos de Galicia na procura dunha maior implicación de todas as instancias e, consecuentemente, da detección precoz dos casos de violencia. Ese labor colaborativo, explicou,”incidirá directamente na mellora dos sistemas de recollida e intercambio de información e na avaliación periódica dos casos que se produzan”.