Friday 22 de November de 2024

Actividades culturais da semana en Carral


FRAN AMIL (CHUCHES AMIL) OFRECE ESTE XOVES UN CONCERTO DE MÚSICA INFANTIL

Co título de Un conto ao revés, Chuches Amil estará no Local Xente Nova ofrecendo un concerto para os máis pequenos da familia. Será ás 18:00 h.

Será un espectáculo de música lixeira e cantareira que axita os pes e os corpos dos cativos, e sorprenden a máis dun pai e dunha nai chimpando ritmicamente e bailando arredor da súa prole. Fran Amil instrumentaliza este concerto con voz e guitarra acústica en directo e con bases pregravadas.

Para asistir é necesario que os rapaces estean acompañados de adultos da súa familia e anotarse previamente chamando á Casa da Cultura ao 981 672 580. O aforo é limitado.

PAULA CARBALLEIRA ACODE ÁS NOITES DE MONÓLOGO CON CONTOS DE MULLERES QUE VIVEN SOAS.

Despois de humor e curiosidades con Carmen Méndez e Quico Cadaval, o oitavo ciclo de Noites de Monólogo continúa este venres con Paula Carballeira, que chega a Tabeaio cun repertorio de historias baseadas en mulleres que viven soas.

A función comezará ás 21:00 h e como ven sendo habitual, haberá que reservar localidades chamando ao 981 672 580. As entradas son limitadas.