O programa comezará en setembro 14 novos itinerarios para reorientar áspersoas participantes naquelas actividades con maior demanda como a atención sociosanitaria, informática, comercio ou hixiene e conseguir así a súa reinserción laboral, unha das máximas do Goberno de Inés Rey
Un total de 375 persoas adscritas ao proxecto municipal Coruña Suma encontraron este ano traballo grazas aos 33 itinerarios formativos organizados polo Concello. Das 375, 157 son homes e 218, mulleres, o que supón o 58% do conxunto de inscritos/as. Cun investimento de máis de 936.000 euros, o programa reorientou ás usuarias e usuarios naqueles sectores que contan cunha maior demanda segundo a Estratexia Española de Activación para o Emprego, nesa máxima do Goberno de Inés Rey por crear emprego na cidade. A aposta da alcaldesa radica nunha formación especializada da cidadanía
que derive na súa inserción laboral e en postos de traballos estables.
Deste xeito, pese aos efectos negativos da pandemia tanto na formación como nas posteriores prácticas, as persoas participantes en Coruña Suma especializáronse en especialidades como actividades de almacén, técnicas de limpeza e desinfección hospitalaria, hixiene xeral na industria alimentaria, carnizaría, nutrición en xeriatría, xestión comercial de clientes con novas tecnoloxías ou elaboración culinaria. Do conxunto de opcións, 33 itinerarios concluíron nesta edición, mais outros dez seguen adiante. Entre eles, destaca o socorrismo en espazos acuáticos naturais, atención sociosanitaria, actividades auxiliares de comercio, nutrición ou alteracións dexenerativas, demencias e Alzheimer.
O Concello ten previsto iniciar en setembro outros 14 itinerarios máis, o que fará un total de 57 en desenvolvemento ao longo do 2021. As novas e novos inscritos poderanse formar en actividades relacionadas co sector servizos como carnizaría, comercio, lecer e tempo libre ou vencelladas á asistencia sociosanitaria como nutrición en xeriatría e atención a persoas en institucións sociais ou a enfermas/os
de Alzheimer. Tamén inclúen outras como xestión de arquivos, programación orientada a obxectos con JAVA, rexistros contables, actividades de lecer e tempo libre, socorrismo ou servizo básico de restaurante e bar.
Nos meses seguintes ampliarase a oferta en función da demanda das persoas beneficiarias e da situación sanitaria.
En 2022, Coruña Suma desenvolverá até 39 itinerarios. Ademais, o Concello difundirá o programa a través dunha campaña de publicidade co fin de que chegue a toda a cidadanía e organizará unhas xornadas de intercambio metodolóxico e técnico sobre as boas prácticas no emprego.
Servizo Municipal de Emprego
Por outra banda, e seguindo na dinámica de cursos que se ofrecen desde o Servizo Municipal de Emprego, retómanse as accións formativas para persoas desempregadas cun total de 12 formacións até o remate do 2021, con 145 prazas e unha duración de 2.019 horas. Os cursos serán os habituais: prevención de riscos laborais na construción, soldadura, lectura e interpretación de planos, traballos de carpintería e mobles, preparación de entrevistas de traballo, pintura decorativa e industrial na construción, carretilla elevadora de carga de persoas e plataformas, actividades auxiliares en viveiros e centros de xardinería ou marca persoal e redes sociais