Os axentes identificaron o condutor e abriron dilixencias xudiciais por se os feitos puidesen ser constitutivos de delito
A Policía Local logrou identificar o condutor do vehículo que se deu á fuga tras atropelar a unha persoa na Rolda de Outeiro.
Tras o visionado das cámaras da zona comezaron as pescudas que finalizaron onte coa identificación do vehículo, un Peugeot de cor dourada que presentaba un forte impacto no parabrisas, e que estaba estacionado no barrio de Monte Alto. Os axentes identificaron o condutor e abriron dilixencias xudiciais por se os feitos puidesen ser constitutivos de delito.
O vehículo atropelou ao home á altura do número 274 da Rolda de Outeiro, nas inmediacións do cruzamento coa rúa vila de Negreira, en sentido baixada, cando se dispoñía a cruzar a vía polo paso de peóns. O home ten unha forte contusión craneoencefálica e o seu prognóstico é reservado. Nestes momentos continúa ingresado no hospital Universitario.