Friday 22 de November de 2024

Rey: “A Coruña volve ser unha gran porta de entrada a Galicia”


A alcaldesa recibiu este mediodía no peirao de Trasatlánticos os 250 pasaxeiros que chegaron a bordo do Viking Sky, o primeiro cruceiro que atraca na Coruña desde o inicio da pandemia

A rexedora sinalou que “parte do futuro da nosa cidade entra por unha terminal de pasaxeiros que estou segura que se quedará pequena para todos os cruceiros que imos recibir e que compre ir mellorando pouco a pouco”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu hoxe no peirao de Trasatlánticos os 250 pasaxeiros que esta mañá chegaron a bordo do Viking Sky, o primeiro cruceiro que atraca na Coruña desde o inicio da crise sanitaria. Alí, a rexedora cualificou a chegada do buque como “unha boa nota, que nos fai recuperar a esperanza vendo como A Coruña volve ser unha gran porta de entrada a Galicia”.

Rey sinalou que “o Goberno municipal, a través do Consorcio de Turismo, traballa para volver posicionar A Coruña como unha escala de referencia internacional para os cruceiros”. De feito, apuntou, o 80% das persoas que hoxe chegan neste buque son estadounidenses e o 20% restantes proceden de Reino Unido.

Lembrou que A Coruña recibirá outros 30 cruceiros ao longo do último trimestre do ano “de cara á recuperación desa normalidade tan ansiada por todas e todos”. No ano 2019, apuntou a rexedora, eran 160.000 os viaxeiros que chegaron a Galicia a través da cidade da Coruña. “Unha senda de activación turística dos cruceiros que sen dúbida temos que volver recuperar”, dixo.

Rey indicou que “parte do futuro da nosa cidade entra por unha terminal de pasaxeiros que estou segura que se quedará pequena para todos os cruceiros que imos recibir e que compre ir mellorando pouco a pouco”.

A alcaldesa asegurou que a cidade está preparada para acoller grandes cruceiros e, nesa liña, indicou que xa se están a programar unha serie de actuacións de cara a potenciar este tipo de turismo sostible “facendo da crise unha oportunidade” para promocionar de novo a cidade como un dos principais destinos no mundo.