Friday 22 de November de 2024

Os fotógrafos Lúa Ribeira e André Cepeda protagonizan os primeiros talleres da mostra “Percorrer o Tempo” organizada pola Xunta


— As sesións, dirixidas a profesionais e afeccionados da fotografía, terán lugar no Museo de Belas Artes o sábado 18 e o domingo 19 previa inscrición no teléfono do museo

— O obradoiro complétase cunha conferencia o sábado, ás 18,00 horas, con entrada libre ata completar aforo, na que ambos artistas exporán os seus traballos

— As actividades forman parte do programa da exposición ‘Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño’ que se inaugurará a vindeira semana

A fotógrafa Lúa Ribeira, primeira galega na Axencia Magnum, e o portugués André Cepeda, de extenso percorrido internacional, serán os protagonistas dos primeiros talleres da mostra Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, que a Xunta de Galicia inaugurará na Coruña a vindeira semana.

As sesións, dirixidas tanto a profesionais como a afeccionados da fotografía, terán lugar nas xornadas do sábado 18 e do domingo 19 entre as 10,00 e as 14,00 horas no Museo de Belas Artes e nelas os artistas abordarán a súa metodoloxía de traballo e revisarán a das persoas asistentes. Cómpre ter en conta que para asistir é preciso inscribirse previamente a través do teléfono do museo (881 881 700) a partir do martes e en horario de 9,00 a 14,00 horas.

As actividades deseñadas ao abeiro desta exposición complétanse cunha conferencia na que Lúa Ribeira e André Cepeda exporán os seus traballos. A cita terá lugar o sábado a partir das 18,00 no propio museo e a entrada será libre ata completar aforo.

Estas iniciativas encádranse na mostra Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño que a Xunta de Galicia, co apoio da Fundación “la Caixa”, promove para achegar diversas perspectivas das Rutas Xacobeas a través da ollada de dez artistas do eido audiovisual.