— Heriberto García trasladou que as axudas á rehabilitación se executen a través dos programas xa en marcha na comunidade, como as áreas Rexurbe ou as áreas de rehabilitación integral, para evitar atrasos na tramitación e execución das actuacións
— A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou xa en xullo alegacións ao proxecto de Real Decreto polo que se regulan este fondos, nas que sinala carencias importantes que determinarán a execución dos mesmos
A Xunta de Galicia insiste na necesidade de mellorar os criterios e requisitos dos programas de vivenda que disporán de fondos europeos, co fin de que esperten o interese entre os posibles beneficiarios.
O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, participou esta semana en dúas reunións multilaterais do Goberno central en relación aos programas de vivenda dos fondos europeos de recuperación.
Neste sentido, indicou que é necesario incrementar as axudas, tanto na súa contía máxima como na porcentaxe subvencionable; co fin de ofrecer incentivos para que as comunidades, ou propietarios individuais, se animen a solicitalas coa finalidade de mellorar as edificacións.
O director do IGVS tamén trasladou que en Galicia xa existen figuras e programas que fomentan a rehabilitación, como as áreas Rexurbe ou as áreas de rehabilitación integral (ARI), polo que solicitou que os incentivos que regule a orde ministerial se executen en base a esas iniciativas.
Así, argumentou que con esta posibilidade evítase achegar nova documentación ou realizar novas delimitacións e declaracións de zonas, o que se traduciría en atrasos e dificultades na tramitación, sobre todo para os concellos con menos recursos.
Heriberto García tamén indicou que estas cuestións xa foran trasladadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en xullo, cando presentou unha serie de alegacións ao Real Decreto polo que se regulan os fondos europeos. Nelas, o IGVS puxo de relevo dous aspectos de suma importancia e que determinarán a execución dos fondos, como o feito de que as axudas son, con carácter xeral, de escasa contía e dirixidas só a actuacións de eficiencia enerxética.