A ministra anunciou que o trazado e o estudo de impacto ambiental do Vial 18 -que unirá a AP-9 coa Terceira Rolda- poñerase a exposición pública o próximo mes
O alcalde coruñés, Carlos Negreira, e a ministra de Fomento, Ana Pastor, mantiveron unha reunión de traballo no Pazo Municipal de María Pita para avanzar nos proxectos estratéxicos para mellorar, tal e como explicou o rexedor, a mobilidade da Coruña “por terra, mar e aire”.Negreira agradeceu a “colaboración intensa” que demostrou o Goberno central coa cidade e a súa área metropolitana para desbloquear grandes obras como a Terceira Rolda -o tramo que une Lonzas e A Zapateira estará rematado en marzo- e avanzar en futuras infraestruturas.
Neste sentido, a ministra de Fomento anunciou que se construirá unha ponte paralela na Pasaxe que contará con catro carrís en cada sentido de circulación; e que o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental do Vial 18 -que unirá a AP-9 coa Terceira Rolda- se poñerá a exposición pública o mes que vén.
O alcalde subliñou que durante este mandato se demostrou o clima de diálogo e “colaboración intensa” que existe entre os gobernos municipal e estatal. “Estamos a colaborar de forma intensa en toda esta lexislatura, o que nos permite facer un balance moi positivo. Na reunión de hoxe puidemos avanzar en novas oportunidades para a cidade dende a perspectiva da mobilidade”, destacou Negreira.
Tras a reunión mantida hoxe en María Pita, a ministra de Fomentoagradeceu ao alcalde o seu compromiso coa cidade e o traballo en equipo que desenvolveron ambas as dúas administracións durante estes máis de tres anos de lexislatura. Ana Pastor aproveitou a súa visita á cidade para avanzar con Negreira nos grandes proxectos que están en marcha e os que xa se están a planificar para executar no futuro:
. Terceira Rolda. A ministra de Fomento detallou que as obras do último tramo (Lonzas-A Zapateira) estarán rematadas en marzo, o que supón cumprir cun “deber pendente coa cidade dende hai moito tempo” tras investir máis de 140 millóns de euros neste novo vial. O alcalde destacou que a Terceira Rolda se converterá en “a avenida de Alfonso Molina do século XXI” e nunha infraestrutura crucial para favorecer a mobilidade entre a cidade e a área metropolitana. Negreira recordou que, tras catro anos, o anterior Goberno central executou só o 13% deste tramo da Terceira Rolda, que na actualidade se encontra próximo ao 90% grazas ao impulso realizado dende a chegada de Ana Pastor ao Ministerio de Fomento.
. Ponte paralela na Pasaxe. A actual ponte cumpre 40 anos en servizo con case 100.000 vehículos diarios. Co obxectivo de dotar a mobilidade da bisbarra dunha infraestrutura adaptada ás necesidades actuais, Ana Pastor anunciou que, atendendo a unha solicitude do alcalde, asinou a orde de estudo para proxectar unha ponte paralela ao actual que contará con catro carrís en cada sentido de circulación. A nova ponte dispoñerá de beirarrúas amplas e do espazo necesario para habilitar o carril bici metropolitano.
. Vial 18. A estrada que enlazará a AP-9 coa Terceira Rolda terá unha lonxitude de 1,7 quilómetros e dous carrís para cada sentido. Cun presuposto aproximado de 18,93 millóns de euros, tanto o proxecto de trazado coma o estudo de impacto ambiental poñeranse a información pública o próximo mes de marzo.
. Alfonso Molina, estación intermodal e ampliación da pista de Alvedro.
A ministra de Fomento tamén anunciou que se avanzou de xeito significativo nos proxectos de ampliación da avenida de Alfonso Molina (o proxecto de expropiación estase a tramitar) e na estación intermodal, así como na prolongación da pista de Alvedro (encóntrase na súa recta final co obxectivo de rematar a obra neste primeiro semestre do ano).