Friday 22 de November de 2024

As escolas deportivas da Pobra inician curso en outubro


A Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), configura a programación das escolas deportivas para a tempada 2021-2022, a cal consta de actividades destinadas a toda a poboación que sexa maior de 3 anos de idade. Deste xeito, botarán a andar no 3 de outubro, divididas en dous cuadrimestres. O primeiro comprende dende 3 de outubro do presente ano ata 29 de xaneiro de 2022, mentres que o segundo será dende 1 de febreiro de 2022 a 31 de maio do mesmo exercicio.

O programa atópase diferenciado en varios apartados. Por unha banda, as escolas deportivas do Concello a través da educación física base-predeporte e fútbol sala mixto (Chupete, Sub-8, Sub-10 e Sub-12); e pola outra, as escolas deportivas a cargo de entidades locais mediante artes marciais, atletismo, baloncesto, fútbol, patinaxe artística, remo, tenis, tenis de mesa, xadrez, xogos de mesa e tiro con arco.

Cómpre sinalar que, no dependente da área municipal dos Deportes, pola participación de irmás e irmáns aplicarase un desconto do 50% á segunda persoa e será de balde para a terceira. Ademais, os horarios poderanse alterar en función das persoas inscritas nas actividades.

No que respecta ás persoas adultas, ofértase ximnasia de mantemento, pilates, camiñadas + stretching e camiñadas para maiores.

Tódalas disciplinas van impartirse seguindo o protocolo e as medidas implantadas por mor da COVID-19.

As persoas interesadas poden solicitar información e inscribirse a partir do 15 de setembro nas oficinas de Deportes do Concello, situadas na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, en horario de 09.30 a 14.30 horas, cos teléfonos de contacto 981832590 e 981831545.