Friday 22 de November de 2024

Moeche aproba a distribución de axudas para o tecido asociativo


Entre subvencións e convenios, o Concello dedicará algo máis de 9.600 euros a apoiar as entidades veciñais, culturais e deportivas

O Concello aprobou recentemente en Xunta de Goberno Local a proposta de distribución das axudas dirixidas ás entidades veciñais que presentaron a súa solicitude na convocatoria deste ano. Unha convocatoria marcada pola pandemia que, porén, non impediu que saísen adiante programacións adaptadas á situación nin tampouco que continuase o traballo diario para manter vivo o movemento social en espera de tempos mellores. En axudas directas distribuiranse 3.668,5 euros, ás que se lle deben engadir as achegas en forma de convenios nominativos coa AC Irmandiños e coa ADC Moeche, que elevan o sumatorio da colaboración municipal cos colectivos por riba dos 9.600 euros.

As liñas de axuda para entidades sen fins de lucro están orientadas a financiar o desenvolvemento de actividades, obras ou servizos durante este 2021. As asociacións debían presentar os seus proxectos e orzamentos que despois foron avaliados seguindo os criterios das bases, dos que saiu unha proposta de distribución de 1.478,64 euros para a AVV de Labacengos, 107,37 euros para a de Balocos e 685,34 euros no caso da AVV Val de Moeche.

Na relación aprobada pola Xunta de Goberno Local tamén se reflicte a asignación de 1.397,15 euros á Escola de Fútbol Irmandiños. A nova escola que agrupará o fútbol de base de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e As Somozas concorreu este ano á convocatoria para entidades, pero en 2022 está previsto asinar con ela un convenio nominativo por valor de 2.500 euros nos mesmos termos que os suscritos cos demais concellos. Neste sentido Moeche contribuirá ao proxecto coa mesma cantidade que Cerdido, mentres que San Sadurniño e As Somozas -con máis poboación e orzamento municipal- colaborarán con 6.500 euros cada un.

Convenios co Moeche e coa AC Irmandiños
Xunto coas axudas para o tecido veciñal e a escola de fútbol -que deberán xustificar os gastos efectuados antes do 15 de decembro-, o Concello tamén mantén este ano os respectivos convenios de 3.000 euros co club de fútbol e coa asociación organizadora do Festival Irmandiño.

No caso da ADC Moeche a achega económica diríxese a axudarlles cos gastos de mantemento do campo de fútbol -que houbo que afrontar nos últimos meses, malia non haber encontros- e, no caso da Asociación Cultural Irmandiños de Moeche, o convenio dará para cubrir parte dos custes da edición do festival de finais de agosto, no que o consistorio tamén colaborou con apoio loxístico e cofinanciando as actuacións solicitadas á Rede Cultural da Deputación da Coruña.