A pegada castrexa no Barbanza, o pasado do municipio no relativo á industria conserveira ou a biografía de varios pobrenses son algunhas das cuestións sobre as que versará a cuarta convocatoria de A Pobra do Caramiñal no Tempo, as xornadas de divulgación sobre a historia e cultura pobrense, que se desenvolverán no 25 e 26 de setembro. Así o desvelaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); e Manuel Gago, un dos impulsores desta iniciativa xunto con José Carlos Vidal.
A edil Patricia Lojo puxo de manifestou que con estas xornadas se pretende “achegar o pasado do municipio, o cal axuda a comprender o noso presente.” Tamén destacou a presenza feminina nesta convocatoria, tanto no relativo ás conferenciantes coma no contido deste ano.
Unha das novidades é a introdución no programa de biografías de pobrenses, tal e como apuntou o xornalista Manuel Gago, porque o municipio “viviu un importante auxe cultural nos séculos XIX e XX.” Do mesmo xeito, declarou que “A Pobra é un dos concellos que conserva un patrimonio vinculado á industria conserveira de finais do século XIX e principios do XX nunha dimensión máis grande.”
Neste senso, o rexedor Xosé Lois Piñeiro salientou a importancia de poñer en valor o patrimonio, obxectivo ao cal contribúen este tipo de iniciativas. Ademais, expresou o seu agradecemento aos donos dos inmobles polos que transcorrerá a visita do domingo 26 por acceder a que se desenvolva esta actividade polas súas propiedades.
O sábado 25 centrarase na parte teórica e comprenderá un total de catro conferencias que transcorrerán no teatro cine Elma. Esta edición arrancará coa inauguración da mesma a cargo do alcalde e da concelleira da Cultura para, pouco despois, proceder co relatorio Da singular vida e obra do pobrense A. Paz Míguez, da man de Esperanza Mariño Dávila. De seguido, Miguel Vidal Lojo impartirá Que nos contan os castros do Barbanza?
Posteriormente, tras un descanso, continuarase coa programación da man de José Manuel Vázquez Lijó con Os Areos. O barrio industrial da sardiña no século XIX. E os coloquios chegarán ao seu fin con Mulleres entre dous séculos (XIX-XX). María Dios Rivademar, a cargo de Aurora Marco López.
As persoas asistentes recibirán como agasallo unha lámina que representa a dimensión industrial da conserva, obra do ilustrador Rubén Rial.
Ao día seguinte, domingo 26, efectuarase unha visita ao barrio dos Areos e ao almacén de salga dos Villoch, na Laxe (Cabío), a partir das 11.00 horas.
As prazas son limitadas, polo que se require inscrición previa a través do enderezo electrónico bibliotecadapobradocaraminal@gmail.com ou do teléfono de contacto 981831633. A data límite para anotarse estipúlase no 22 de setembro. No transcurso das actividades seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.
As charlas do sábado 25 tamén se poderán seguir vía streaming a través da canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal, onde quedará gardado o vídeo para quen desexe visionalo con posterioridade.