Saturday 16 de November de 2024

Unha nova edición de “Sete Parroquias”, de Títeres Cachirulo inicia a súa andaina en Santiago de Compostela


O sábado 11 de setembro o Cachi-Móbil fará a súa primeira parada no Centro Sociocultural de Santa Marta, cunha representación ás 12:00 h do espectáculo “A cabeza do dragón” de Valle-Inclán. Este proxecto está financiado polo Concello de Santiago, dentro do programa de axudas a Actividades Culturais para o Sector Profesional 2021.

Santiago, 10 de setembro de 2021.- Títeres Cachirulo chegará este sábado ao centro sociocultural Santa Marta de Santiago para ofrecernos a súa versión da obra de Valle-Inclán “A cabeza do dragón”, ás 12:00 h na praza exterior do centro cívico. A iniciativa, que forma parte do programa de axudas a Actividades Culturais para o Sector Profesional 2021 do Concello de Santiago, consiste na realización dunha serie de representacións e obradoiros nos centros cívicos do concello, que se levarán a cabo en exteriores, dende un orixinal teatriño rodante: o “Cachi-Móbil”.

Durante o mes de setembro de 2021, un equipo de actores e actrices, monicrequeiros/as e reporteiros/as, irá realizando un percorrido polas parroquias propoñendo unha serie de actividades e invitando aos veciños e veciñas á función “A cabeza do dragón”. En total serán 10 os centros cívicos de Santiago que formarán parte da nosa ruta, 5 do ámbito rural e outros 5 pertencentes a barrios do concello.

A obra, “A cabeza do dragón” é unha adaptación para marionetas da obra de D. Ramón María del Valle-Inclán, na que o Príncipe Verdemar é desterrado do seu fogar e, coa axuda dun trasgo falcatrueiro, terá que loitar contra bandoleiros e mesmo contra o terrible dragón que ten apresada a filla do Rey Micomicón para poder retornar triunfante a casa.

Trátase dunha proposta que intenta fortalecer o tecido veciñal nos barrios da vila e no rural. Un circuíto de teatro de monicreques de carácter gratuíto e para todos os públicos, con actividades culturais e de inclusión social para rapaces, mozos e terceira idade.

Algunhas das próximas paradas serán nos CSC da Trisca, Castiñeiriño ou Fontiñas.