Saturday 16 de November de 2024

San Sadurniño abrirá o día 15 o período de preinscrición nas escolas municipais de Cultura


Pouco a pouco semella que imos recuperando a normalidade, ou polo menos entrando nesa nova normalidade da que tanto se leva falado, chea de medidas preventivas necesarias para seguir facéndolle fronte á pandemia. Tras un 2020 baixo mínimos e un 2021 de progresivo reinicio da actividade cultural, o Concello agarda que de cara ao curso que comeza as cousas poidan ser o máis parecidas posible a como eran antes e por iso volve lanzar a convocatoria de cursos que arrancarán a primeiros de outubro coas sesións de música tradicional -gaita e pandeireta-, Cantos de taberna e tamén cos grupos de ximnasia de mantemento para persoas maiores. O día 15 abre o prazo de preinscrición chamando polas mañás ao 981 490 027. Para cada unha delas fará falla xuntar un mínimo de 8 persoas participantes que, unha vez confirmado o grupo, poderán formalizar a matrícula a partir do 4 de outubro, data na que tamén arrancarán as escolas.

A de Ximnasia de mantemento para maiores desenvolverase en dúas quendas pola semana, unha de 16 a 17:00h. e outra de 17:15 a 18:15h.: os luns primeiro en Naraío e logo en Lamas, os martes en San Sadurniño, os mércores en Naraío e Santa Mariña, os xoves en San Sadurniño e os venres en Santa Mariña a primeira hora e en Lamas durante a segunda. De existir demanda tamén se poría en marcha grupo na parroquia de Ferreira que, de momento, terá como referencia o grupo de Lamas.

No caso da Música tradicional, as clases impartiranse no local social de Naraío cos mesmos horarios que o curso pasado. A iniciación á gaita será os martes de 19.30 a 21.00h. e o grupo de perfeccionamento reunirase de 21:00 a 22:30h. As sesións de canto e pandeireta seguen os mércores: de 18 a 19:00h. para a rapazada de 3 a 6 anos, de 19 a 20:00h. para perfeccionamento infantil e de 20 a 21:00h. o grupo de persoas adultas.

Este ano Cultura ten idea de fomentar unha maior integración entre os dous grupos, de cara a asegurar un mínimo de repertorio compartido. Ademais tamén se busca que haxa bailadoras e bailadores que poidan arrancar en calquera momento dunha actuación. “Temos escola de gaita e escola de canto e pandeireta, o noso obxectivo é dár todas as opcións, é dicir, quen queira aprender ou perfeccionarse na gaita, poderá facelo; quen queira iniciarse ou mellorar coa pandeireta, tamén terá oportunidade; e se alguén quere defenderse bailando unha muiñeira ou un pasodobre tradicional, tamén terá quen lle ensine”, explica Amparo Calvo. “O que si temos moi claro é que as escolas de música tradicional deben funcionar cuns obxectivos comúns e, dentro do posible, contar cun repertorio compartido para actuar nun escenario ou armar unha repichoca cando queiran, gozando todas e todos dela. Ao final trátase de pasalo ben e iso conséguese con tempo conxunto de ensaio, que tamén reforza a cohesión dos grupos”.

A terceira escola cultural que reedita o Concello é a de Cantos de taberna, con ensaios os xoves de 20:00 a 22:00h. Cultura tamén pretende que este grupo teña relación cos anteriores. “Aínda que o repertorio que se traballa sexa un chisco distinto, nada quita de que a xente dos Cantos de taberna se xunte coa da gaita ou a da pandeireta. Pensamos que as tres escolas, malia seguir sendo individuais, teñen que ser o máis permeables posible entre si”, comenta Calvo.

O período de preinscrición nas escolas estará aberto desde o 15 até o 30 de setembro. Unha vez que se confirmen os grupos poderase efectuar a matrícula a partir do día 4 de outubro na Casa da Cultura. Os prezos son os seguintes: 16 € de matrícula e 31,83€ de cota trimestral para maiores de 18 anos e menores de 65. As persoas menores de 18 anos, maiores de 65, pensionistas, estudantes, familias numerosas e titulares do Carné Xove terán que pagar 15,32 euros de matrícula e 21,23 cada trimestre.

Outra oferta
Alén das escolas promovidas polo Concello, tamén cómpre ter en conta a oferta preparada polas entidades do territorio como a Asociación Cultural Brío ou as asociacións veciñais, que previsiblemente irán retomando a actividade na medida en que se vaia mantendo á raia á pandemia.

Da mesma maneira cabe recordar que o CV Aldebarán ten aberta durante todo o ano a posibilidade de integrar rapazada nos seus equipos de base -teléfono/whatsapp 638 616 767- e que, ademais, neste 2021 bota a andar a Escola de Fútbol Irmandiños, coa que se pode contactar no 669 638 282 -de 17 a 19.00h- ou mandar un correo a efirmandinos@gmail.com.

Reservas das instalacións municipais e horarios do ximnasio
Desde as áreas de Cultura e Deportes informan, por último, que segue aberto o prazo de solicitude de instalacións deportivas e culturais. As entidades e particulares que queiran reservar horarios semanais para o Pavillón Municipal, a Casa da Cultura e outras dependencias de uso público deben presentar as súas instancias a través do rexistro ou da Sede Electrónica municipal.

Por outra banda, a área de Deportes tamén se comunica que o ximnasio municipal volverá abrir a partir do 14 de setembro (no Novas indicábase por erro o día 11).