O recinto de Monte do Gozo converterase nun mercado de artesanía no que se desenvolverán diverso tipo de actividades
A xornada do sábado terá un carácter solidario e de concienciación sobre a Síndrome de Duchenne
Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 prepara un fin de festa en grao sumo especial. Tras dous meses de intensa actividade cultural, o recinto de Monte do Gozo acollerá unha completa #fin# de semana chea de propostas para toda a familia. “Queremos ofrecer unha celebración ao grande que fará do noso festival o punto de encontro para asistentes de todas as idades e gustos”, indican desde a organización.
As propostas desenvolveranse durante o sábado e domingo en horario de 11.00 a 22.00 horas. As iniciativas que se ofrecerán contarán coa colaboración das empresas A Gramola Animación e Garatuxa Tempo Libre.
O sábado 11 de setembro mostrará o lado máis solidario deste festival con xornada solidaria e de concienciación sobre a Síndrome de Duchenne. “Esta proposta ten como principais obxectivos dar visibilidade á Síndrome de Duchenne e recadar fondos para axudar a Samuel, un mozo de 17 anos e veciño de Santiago que padece esta enfermidade”, concretan.
O recinto de Monte do Gozo converterase nun escenario multidisciplinar no que se desenvolverán diversas iniciativas. Entre elas, a tenda solidaria Duchenne Parent, unha mesa con produtos solidarios para axudar na investigación da devandita causa onde as persoas poderán adquirir todo tipo de produtos de artesanía elaborados por diferentes empresas. Participarán firmas como Vaidelatas, Bonecotolo, D rositas, Corazón Nómade, Segredos de Compostela, Artesanía en Coiro e Capixuta.
Ambiente máxico
“A zona de mercado caracterizarase de tal forma que pareza un bosque… Queremos que as persoas que asistan sintan que entran nun lugar máxico”, concretan desde a organización. Incluso o propio escenario contará cunha especie de Caldeiro Máxico que servirá tamén como fío condutor de todas as propostas que se irán desenvolvendo durante toda a xornada.
Como complemento a este espazo expositivo e de venda ofreceranse diversos talleres sobre temáticas como maquillaxe e caracterización, chapas, máscaras ou coiro. Ademais, tamén haberá actuacións, entre as que se atoparán agrupacións como Falsos profetas, Batukada e Cantigas e Agarimos, e unha sesión DJ de 21.00 a 22.00 horas.
Para reforzar a recadación de fondos, organizarase tamén unha poxa solidaria de material deportivo de clubs como o RCD Celta, RC Deportivo, SD Compostela ou o CAB Obradoiro. Un evento que estará conducido polo presentador da TVG, Diego Viaño, e que contará coa presenza de deportistas olímpicos como os regatistas Iago López Marra ou Kahena Kunze.
Fantasía Go!
Para o domingo se reserva a xornada denominada Fantasía Go!, que contará cun amplo programa de actividades organizadas pola Gramola Animación e por Garatuxa Tempo Libre. Durante todo o día –de 11.00 a 21.00 horas-, continuará o mercado de artesanía iniciado o sábado.
Pola tarde, ofreceranse distinto tipo de actividades. Así, de 17.00 a 18.00 horas e a través do personaxe do Rey Bunga Lunga, que animará aos nenos e nenas asistentes a contar as lendas máis fermosas, obtendo recompensa pola súa boa interpretación. Ademais, haberá talleres de manualidades dentro dun ambiente máxico.
Entre as 18.00 e as 21.00 horas, o recinto de Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 fará as veces de bosque onde trasgos e elfos guiarán aos máis pequenos na súa procura dos segredos deste mundo máxico. Para iso, contarán coa axuda dun dos gardiáns dos bosques, Mateus.
E para finalizar os máis de dous meses de actividades deste festival, ofrecerase unha gran despedida con música e baile da man da Gramola Animación. Desde a organización animan a todas as persoas a gozar da fin de semana no recinto de Monte do Gozo. “Será unha gran festa coa que despediremos Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 ao grande”, conclúen.
Sobre Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22
O Festival Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 busca ser un dos espazos de referencia para o lecer estival. A súa ampla programación comezou o pasado 14 de xullo e estenderase ata o sábado 18 de setembro. A súa oferta cultural combina concertos, sesións DJ, exhibicións e tamén actividades dirixidas aos máis pequenos da casa.
Toda a información actualizada poderase atopar en www.gogozo.gal e nos perfís en redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter). Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 conta co apoio da Xunta de Galicia e de Estrela Galicia.