Thursday 21 de November de 2024

A Policía Autonómica en colaboración coa UIFO esclarece un incendio no concello coruñés de Ribeira


— Na investigación tamén colaboraron efectivos da Policía Nacional de Ribeira e axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) no marco dun dispositivo de vixilancia na zona da Conlleira debido á alta incidencia de lumes nesta zona

— A rápida intervención do Servizo de Prevención e defensa contra os Incendios forestais de Galicia da Xunta evitou que as lapas chegasen ás vivendas e a unha nave industrial contigua na que se almacenaban produtos inflamables

— No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas a 31 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Axentes da Policía Autonómica de Santiago de Compostela esclareceron un incendio forestal en Ribeira en colaboración tanto coa Policía Nacional como e axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO). A investigación levouse a cabo no marco do dispositivo de vixilancia despregado o pasado agosto na zona da Conlleira debido á alta incidencia de lumes nesta zona, cun total de 17 desde 2015.

Axentes do grupo de investigación de incendios da Policía Autonómica de Santiago de Compostela procederon á detención dun varón como presunto autor dun incendio intencionado que se produciu o pasado 31 de agosto na parroquia de Santa Uxía de Ribeira.

A investigación e a posta en marcha dun dispositivo especial na prevención de incendios na contorna do investigado permitiu esclarecer os feitos. Trátase dunha persoa reincidente, a cal xa fora detida en varias ocasións polo mesmo motivo. As indagacións establecen ademais que o inicio do lume foi intencionado e probablemente empregando un chisqueiro.

Na extinción do lume, que afectou 3.400 metros cadrados -3.000 de arborado e 400 de monte raso-, participaron 2 axentes, 3 helicópteros, 2 avionetas de extinción, 3 motobombas e 3 brigadas. A rápida intervención do Servizo de Prevención e defensa contra os Incendios forestais de Galicia da Xunta evitou que as lapas chegasen as vivendas e a unha nave industrial contigua na que se almacenaban produtos inflamables.

As dilixencias por tales feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribeira.

Na actual campaña antiincendios deste ano, 31 persoas foron investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais.