“Foi o conxunto de administracións co liderado da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, as que conseguiron que se levase adiante a consecución do enlace ferroviario, cos 171 millóns de euros e os dous ramais, algo que non se acadou nos últimos 17 anos”, apuntou Villoslada.
O voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, anunciou hoxe que no primeiro semestre de 2022 os veciños do Castrillón terán o complexo deportivo á súa disposición, “algo que con outros gobernos non foi posible”.
Unanimidade no Pleno para seguir avanzando no futuro deseño da fachada marítima da cidade. A Corporación aprobou unha emenda acordada entre PSOE, Marea Atlántica e PP, que detalla a folla de ruta que as forzas de María Pita abordaron conxuntamente. O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, mostrouse convencido de estar “ás portas dun gran acordo municipal que necesita o Porto e a cidade”.
O concelleiro lembrou durante o debate a importancia do consenso entre as forzas políticas e administracións e puxo de exemplo a consecución da conexión ferroviaria a Punta Langosteira. “Foi o conxunto de administracións co liderado da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, as que conseguiron que se levase adiante a consecución do enlace ferroviario, cos 171 millóns de euros e os dous ramais, algo que non se acadou nos últimos 17 anos”, dixo o edil. O Goberno local, insistiu, non renuncia reclamar a condonación da débeda, pero tampouco renuncia a buscar outras alternativas que garantan a viabilidade financeira da Autoridade Portuaria porque o porto e cidade. E apuntou que a Autoridade Portuaria ten que preocuparse máis de incrementar os tráficos portuarios, que “diminuíron non só pola COVID ni pola perda de descargas de graneis sólidos, e menos de planificar o deseño da cidade”.
Destacou que o Concello debe participar na adquisición do solo portuario que se vai desafectar, “porque debemos garantir a titularidade pública do mesmo”. Sinalou que “público non debe confundirse con gratuíto” e lembrou que houbo gobernos anteriores en María Pita que tiñan créditos comprometidos para adquirir terreos públicos. Villoslada lembrou que as xuntanzas administrativas que se veñen realizando entre as sete administracións públicas implicadas no futuro do Porto desde o 23 de febreiro, cando Ines Rey convocou, tras 17 anos a todas as administracións e abriu un novo diálogo, “non son xogos de espello; son oportunidades reais de acadar solucións”.
Tamén apuntou que a superación dos convenios de 2004 e das consecuencias urbanísticas que derivaban dos mesmos, que aínda están vixentes no plan de 2013, non é unha teoría abstracta, senón un compromiso que será tratado na vindeira reunión que terá lugar o día 15.
No acordo, o Goberno local comprométese a elaborar un novo marco xurídico, urbanístico e financeiro de reordenación da fachada portuaria interior, que libere a cidade das cargas económica da construción do porto exterior e que substitúa os convenios urbanísticos de 2004, e como consecuencia revisar o PXOM do 2013.
O acordo insta ao Goberno central a condonar a débeda ou conceder axuda equivalente o préstamos concedido á Autoridade Portuaria, e constituír un consorcio o ente público para a xestión dos terreos portuarios que se desafecten asegurando a súa titularidade e control público, en que o Concello da Coruña teña garantida a participación suficiente para coordinar a súa planificación e execución.
Ademais, acordouse que calquera convenio o protocolo que se poidan formalizar en relación cos terreos portuarios deben de ser ratificados polo Pleno.
COMPLEXO DEPORTIVO DO CASTRILLÓN
Por outra banda, o voceiro do Goberno local anunciou hoxe durante a sesión plenaria que no semestre de 2022 as veciñas e os veciños do Castrillón terán o complexo deportivo e a súa disposición, “algo que con outros gobernos non foi posible”.
Lembrou que tras oito anos agardando polo complexo foi o Goberno de Inés Rey o que adxudicou en marzo de 2020 o contrato das obras pendentes do complexo deportivo, “obras nas que se investiron máis de 2 millóns de euros”. Segundo o voceiro local, a empresa detectou un problema no vaso da piscina e presentou un proxecto en abril para solucionalo, asumindo todos os custes, e no mes de xullo comezaron as obras de reforzo que finalizarán este mes.
O Goberno local, dixo, está a poñer solucións sobre a mesa, “estamos ultimando os detalles para a contratación do equipamento e a xestión a través de EMVSA. Os veciños do Castrillón levan dúas décadas esperando, pero tamén saben que neste primeiro mandato de Inés Rey poderán ver a infraestrutura en funcionamento”.